Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di non á suba en 6,6 millóns da Xunta para os 67 Concellos tras “repartir” 13 en municipios nos que goberna

alvaro santos-deputacionLugo, 26 de xuño de 2017. O Partido Popular votou en contra no Pleno da Deputación deste martes á suba en 6,6 millóns de euros dos fondos para o Plan de Mellora de Camiños Municipais da Xunta de Galicia na provincia de Lugo. É a cantidade na que o Goberno galego vén de recortar esta programación, que é a única que chega a todos os municipios para a mellora das súas infraestruturas públicas en beneficio dos máis de 300.000 lucenses, segundo os datos oficiais feitos públicos e con respecto ao ano pasado. O PP adoptou esta postura logo de “repartir” en sete meses dende a Xunta de Galicia 13,1 millóns de euros entre 19 municipios da provincia, todos eles gobernados polos populares.

Así o desvelou hoxe o voceiro do Goberno da Deputación. Álvaro Santos Ramos deu conta dos 32 convenios asinados pola Xunta de Galicia dende xuño a decembro de 2016, que son os que están publicados, con 21 Concellos da provincia e por un valor de 16,1 millóns de euros. Desta cantidade, o 80% dos fondos (13,1 millóns) foron para mellorar as infraestruturas públicas só en 19 municipios, nos que goberna o Partido Popular.

Son os Concellos de Abadín, Muras, As Nogais, Begonte, Bóveda, Castro de Rei, Cervo, Cospeito, Foz, Friol, Guntín, Mondoñedo, O Vicedo, Palas de Rei, Paradela, Portomarín, Riotorto, Sober e Outeiro de Rei. Só hai dous municipios de distinta cor política, que son da Pastoriza e Viveiro.

Santos Ramos destacou que “cos 13 millóns de euros que repartiron a dedo entre uns poucos Concellos gobernados polo PP, máis os 4 millóns que destinan ao Plan de Mellora de Camiños Municipais, deseñaban un perfecto Plan Único para toda a provincia de Lugo. Pero non, para os máis de 300.000 lucenses migaxas. Este é o Plan Único do Partido Popular e a igualdade que practica, e non predica”.

O voceiro provincial do BNG, Xosé Ferreiro, dixo ao Partido Popular que “presumen do Plan Único da Deputación pola provincia pero resulta que onde teñen capacidade para decidir non o fan, senón que fan todo o contrario. Co seu dedo repartidor castigan aos cidadáns que non os votaron e benefician con diñeiro público, de todos os cidadáns, aos amigos do PP”.

O Deputado do PP e tamén Alcalde de Xove, Concello que non tivo convenio da Xunta, Demetrio Salgueiro, xustificou o voto dos populares, asegurando que “a Xunta aumenta a súa achega ao Plan de Camiños en máis dun 100% con respecto ao ano pasado”.

Cifras oficiais do Plan de Mellora de Camiños
No 2016, o Plan de Mellora de Camiños para Lugo contou con 5,3 millóns de euros. Este ano está dotado de 2 millóns, sufrindo unha baixada de 3,3 millóns de euros con respecto á anualidade pasada. A situación repítese no 2018 (tamén hai para obras outros 2 millóns, sendo 3,3 millóns de euros menos). Polo tanto, a Xunta recortou en 6,6 millóns de euros os fondos para este programación na provincia. Os Concellos reciben un 62% menos.

Cos votos de PSOE e BNG saíu adiante a moción que presentou o Goberno da Deputación, instando “á Xunta de Galicia a incrementar a axuda correspondente ao Plan de Mellora de Camiños Municipais, asegurando, a lo menos e en cada anualidade (2017-2018), o mesmo importe das axudas concedidas no 2016; e que, en vindeiras anualidades, atenda a capacidade orzamentaria deste plan dun xeito prioritario”, apunta, textualmente, o acordo da proposta aprobada.

Exit mobile version