Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE da Pontenova pide a Balseiro que cando veña ao Concello sexa para ofrecer algún investimento aos veciños e non para mentir

A Pontenova, 28 de xuño de 2017.- O PSOE da Pontenova pide ao delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, que cando veña ao Concello sexa para ofrecerlles algún investimento co que mellorar as súas prestacións públicas ou, cando menos, saldar algunhas das débedas que acumulan dos veciños da Pontenova; e non para mentir.

Os socialistas convidan a Balseiro a visitar o Concello da Pontenova e adiántanlle que non van a renunciar a un convenio como os que ofreceu, exclusivamente, a 5 Concellos da Mariña, todos eles gobernados polo PP, aos que achegou máis de 9,5 millóns, deixando sen fondos públicos, de todos os cidadáns, non só aos veciños da Pontenova, senón tamén aos dos outros 10 Concellos da Comarca, exactamente cos mesmo dereitos.

O PSOE da Pontenova aclara ao delegado que non rexeitaría, en ningún caso, os convenios da Xunta do PP co Vicedo, por valor de 52.524 euros; con Cervo, de 50.000, 659.977, 200.000 e 150.000 euros (que superan o millón de euros); con Foz, de 8 millóns, 4.500 e 8.142 euros (máis de 8 millóns); con Riotorto, de 60.500 e 2.500; ou con Mondoñedo, de 150.000 euros. Son os convenios asinados pola Xunta cos municipios da Mariña entre xuño e decembro de 2016, feitos públicos polo propio Goberno galego, obrigado pola Lei de Transparencia.

Polo contra, mentres o Goberno galego do PP “reparte a dedo” millóns de fondos públicos para mellorar as infraestruturas públicas uns poucos municipios onde gobernan, á Pontenova recórtalle en preto de 43.000 euros os fondos para facer o mesmo a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais da Xunta.

Os socialistas reclaman a Balseiro que, polo menos, cando veña á Pontenova sexa para saldar algunha das débedas pendentes da Xunta do PP cos veciños do municipio. Por exemplo, arranxando as estradas do Goberno galego dende a Pontenova á Fonsagrada e á Riotorto, que é o acceso dos veciños coa A-8.

Mentiras, bloqueos e máis débedas
Ao respecto das mentiras de Balseiro, os socialistas da Pontenova aclaran, en primeiro lugar, que nin no 2016, nin este ano, solicitaron as brigadas de incendios pola dificultades que interpón a Xunta do PP para que esta sexa unha prestación útil. Pois é o Goberno galego o que xestiona directamente este servizo, fixando, por exemplo, os horarios ou as quendas de traballo, sen coñecer e atender as necesidades municipais, obviando, claramente, a autonomía local, e impoñendo.

O PSOE da Pontenova lembra que o municipio conta cun Grupo de Emerxencia Supramunicipal, que dá emprego a 12 profesionais, que se encargan, precisamente, de realizar os mesmos traballos que levaría a cabo a brigada de incendios. A maiores, explican que, mentres por parte do Goberno Provincial Socialista non se poñen impedimentos para que o Concello reciba a subvención da Deputación que lle corresponde polo GES, dende a Xunta do PP si o fan, acumulando débedas co municipio e, polo tanto, con todos os veciños. O Goberno galego aínda adebeda aos pontenoveses 81.000 euros do ano pasado polo GES, cando o Concello ten todo xustificado.

Tamén nesta prestación, o Goberno galego do Partido Popular interpón dificultades ao municipio, posto que para recibir a subvención autonómica que lle corresponde polo GES, teñen que xustificar, cando menos, 120 hectáreas de desbroce mecánico e manual de terreos, exclusivamente, municipais ou de titularidade descoñecida, cando así o certifiquen os servizos administrativos públicos.

O PSOE da Pontenova destaca que só cos medios do Concello, e grazas ao apoio do Goberno Socialista na Deputación de Lugo, se acondicionan os preto de 1.000 quilómetros de pistas forestais e os máis de 200 quilómetros de vías asfaltadas que ten o municipio. Fano a través do servizo municipal de conservación, do DepuEmprego, que permite a contratación de persoal para estes traballos, así como con investimentos do Goberno Provincial do PSOE dende a Deputación, posto que a Xunta do PP non achega nin un só euro.

Exit mobile version