Site icon Crónica3.com A Mariña

Oito socorristas vixiarán as praias burelesas este verán. Alfredo Llano critica a lentitude dos plans de cooperación e considera infsuficiente o tempo que estes profesionais estarán nos areais, só os meses de xullo e agosto

Burela, 27 de xuño de 2017. Burela contará con 8 socorristas este verán nos seus areais. Foron solicitados 10 a través dos plans de cooperación á Xunta, que so lle concedeu 7. O Concello asumirá a contratación dun máis. O alcalde, Alfredo Llano, critica o retraso de todo o proceso por parte da administración autonómica e considera insuficiente o tempo que eses profesionais estarán nas praias, os meses de xullo e agosto.

O rexedor burelés manifestou que “desde o Concello de Burela xa se fixeron todos os trámites que había que facer para ter os socorristas traballando o día 1 de xullo, a ver se é posible. Nosoutros tíñamos solicitado no seu momento a través dos plans de cooperación dez socorristas, e resulta que agora sabemos que non son dez os que nos dan senón que van ser sete, e temos pedido a través do INEM oito socorristas, de tal maneira que entón sete serán contratados a través dos plans de cooperación e máis un que será contratado polo propio Concello, porque consideramos que como mínimo oito son necesarios para atender as tres praias que van ter socorristas. Van estar na praia da Marosa, na praia de Ril e no Portelo-O Cabaliño”.

Alfredo Llano critica que “aínda hoxe tivemos que enterarnos a través da prensa de cantos socorristas nos correspondían. Vemos que nos baixan o número sen que exista unha xustificación que realmente resulte entendible. Nosoutros seguimos tendo as mesmas necesidades que tíñamos o ano pasado. Eu penso que este ano volven ser as mesmas aínda con máis implicación porque temos, ademais da bandeira azul, a 14001 e queremos dar un bo servizo”.

O alcalde dixo: “queremos que sexa tanto Burela como a comarca da Mariña un atractivo turístico importante e polo tanto non se entende que en vez de ir a máis os socorristas vaian a menos. Encima que non nos enteremos oficialmente cómo é o reparto, nin sequera se nos mandou, polo menos eu non a teño, unha carta explicando cantos nos corresponden. Ademais houbo unha lentitude extraordinaria este ano derivado de non sei qué. Non sei qué método seguiron porque tardaron moitísimo tempo, xa tíñamos que ter todo feito e todo contratado, pero non nos avisaron para nada ata hai unha semana, cando se nos dicía que fóramos contratando sen dicirnos ningún número nin o tempo. O tempo tamén é moi escaso, hai que darse conta que nos dan soamente para o mes de xullo e agosto cando antes noutras lexislaturas tense feito para xullo, agosto e setembro. Tíñamos tres meses e era máis adecuado porque agora o mes de setembro pode ser tan bo mes de verán como calquera dos anteriores e cada vez hai máis turismo por esta zona”.

Para Alfredo Llano “é unha pena que non se poida ter máis persoal para ocuparse das praias no servizo de salvamento e socorrismo porque evidentemente reduce posibilidades de atención turística aos concellos. Eu penso que iso hai que reflexionalo, hai que poñerse a falar con cada un dos concellos afectados e procurar no futuro dar un servizo acorde ás necesidades e ao que nosoutros pretendemos facer co turismo”.

Escola infantil
O alcalde burelés confirmou que “como a intención do Concello é ter rematado completamente as obras da nova escola infantil a finais do mes de xullo, agora mesmo se están facendo dúas cousas. Unha delas é instalar toda a dotación de material necesario na escola infantil, que xa se está colocando desde onte. Esperamos que esta semana quede completamente listo todo o mobiliario, xogos e todo o que fai falla para a cociña, as oficinas, os despachos e as aulas”.

O rexedor burelés engade que “tamén se vai facer a partir desta semana a parede dianteira da escola infantil e unha vez rematada esa obra máis o acceso para discapacitados, xa estará practicamente todo colocado. Do que se vai ocupar o Concello, que xa o ten feito, é dotalo de terra vexetal para facer unha zona axardinada. Tamén o estamos facendo desde o Concello e xa está practicamente rematado”.

Llano declarou que “agora mesmo a obra leva boa marcha. Esperemos que para o 31 de mes de xullo estea completamente rematada e xa se vexa con todo para ser ocupada a partir de setembro, que é cando comeza o curso. En principio está todo ocupado, máis ou menos todas as prazas cubertas, agás o tramo de 0 a 1 ano no que hai oito prazas para esa escola infantil e de momento hai apuntados catro ou cinco alumnos. Pero xa se abrirá no seu momento outro prazo para acabar de cubrir as prazas que puideran quedar vacantes”.

O alcalde salientou que “é un servizo importante para o Concello de Burela. É verdade que non vai abarcar gran capacidade de alumnado, van ser 41, pero polo menos complementará a outra escola infantil que xa leva tempo funcionando e entre as dúas esperemos facer bo servizo e axudar a moitas familias que poidan precisar da atención das escolas infantís”.

Exit mobile version