Site icon Crónica3.com A Mariña

Para os socialistas de Foz, as declaracións do Alcalde, descualificando a unha asociación de veciños dun barrio son mentirosas, vergoñentas e indignantes

Foz 26-05-2017. De vergonzosas, falsas e indignantes cualifica o PSOE de Foz as acusacións que fai o Alcalde Javier Castiñeira á asociación de veciños San Gonzalo de Forxan por presentar unha alegación ao suplemento de crédito no prazo no que está a exposición pública.

O PSOE quere desmontar as MENTIRAS que, raiando na obsesión, día tras día repite o Alcalde, cando alude ao Partido Socialista e a dita asociación.

MINTE cando asegura que PSOE montou esa asociación de veciños. Nin a montou nin ten ningún tipo de relación diferente coa mesma que non teña con calquera outra, de calquera eido, das existentes no Concello de Foz.

Cando un proxecto está a exposición pública, non pode ser “abraiante”, como di o alcalde, que un particular ou un colectivo presente unha alegación si ve prexudicados os seus intereses, precisamente para iso son as exposicións públicas. E querer ligar a presentación dunha alegación con atentar contra os intereses do pobo ou afirmar que non se quere que se invista, ou se cree emprego aparte de ser un claro intento de coacción á citada asociación e unha manipulación torticera da realidade do tipo das que practica habitualmente o Sr Castiñeira cando non lle dan a razón.

A asociación de veciños San Gonzalo de Forxan é unha asociación legalmente constituída que representa a un importante numero de veciños de dito barrio. Como tal, ten o mesmo dereito que calquera outra, a existir e ser considerada representativa deles. Por moito que lle moleste ao Alcalde que unha ampla maioría de veciños críticos co xeito de levar o tema da ubicación da depuradora se asocien, manifesten a súa desaprobación aos acordos feitos de parte ou defendan os seus intereses, están no seu dereito de facelo.

Volve MENTIR con descaro, cando di que, todos os membros da directiva de esa asociación formaban parte da candidatura do PSOE. Ningún, absolutamente ningún dos membros da candidatura socialista forma parte da directiva desa asociación, algo que é moi fácil de comprobar e probar. Pero como si estivesen, ou o feito de ir nunha candidatura de un partido político elimina o dereito de unha persoa a pertencer ou estar na directiva de unha asociación?

Si hai algún responsable de que se tivese que crear dita asociación é o propio alcalde, negociando a ubicación da depuradora solo con un pequeno grupo de persoas afíns e ás costas da maioría dos veciños.
Tan vergonzoso comportamento de un representante público que minte con descaro, faltando de maneira impúdica ao respecto a un colectivo do seu pobo, perdendo as formas e a corrección en repetidas ocasións cando se dirixe a el, tal e como fai o alcalde de Foz, non ten xustificación, salvo que o seu propósito sexa enfrontar aos veciños do pobo entre si ou, tapar algo? Non queremos ser malpensados, nin crer que poida haber unha serie de intereses ocultos co lugar elixido pero, que unha parte dos terreos sexan propiedade da familia do propio alcalde e outra de algún dos negociadores da ubicación en contra da opinión da maioría dos seus veciños, préstase á dubida.

Non ten razón nin sentido a obsesión que ten o Sr Castiñeira con Unifoz, unha formación política que non existe, nin con culpabilizar de todo o que non lle sae como quere ao Sr Cancio. Nesta ocasión acusándoo de que non asumiu a súa derrota, cando todo o mundo sabe que presentou a súa renuncia e non é concelleiro ou de que o obxectivo do noso compañeiro Xaime Cancio é “vivir da política como fixo os últimos 20 anos” cousa que sabe perfectamente que é outra GRAN MENTIRA, pois nos anos que foi concelleiro viviu do seu salario como profesor e non tivo ningún tipo de dedicación nin soldo do Concello. De “vivir da política” saben moito no partido do Alcalde, o PP, que si non cobran por diante, cobran por detrás, en sobre ou con comisións, como vemos cada día cos, xa innumerables, imputados do PP por casos de corrupción. Igual que saben moito de favorecer aos seus amigos nas contratacións, algo que por certo o Alcalde de Foz ten ben aprendido e se ve solo con mirar cales son as empresas que traballan, case en exclusiva e con contratos fraccionados para non ter que saír a concurso, na obra pública de Foz.

Así que, leccións aos socialistas ningunha. E menos con falsas acusacións baseadas en partidos que non existen e mentindo sobre compañeiros do PSOE e involucrando nesas mentiras a todo un colectivo de veciños do pobo. Á vista queda que, o único que denotan esas falsas acusacións por parte do Alcalde, é unha obsesión que raia no patolóxico vendo ou inventando fantasmas onde non os hai.

Exit mobile version