Site icon Crónica3.com A Mariña

Paz Ermida fai un balance positivo das dúas semanas de funcionamento do servizo de salvamento do concello ribadense

270617 Foto socorristas baixan muller á praiaRibadeo, 27 de xuño de 2017. A Concellaría de Sostibilidade Ambiental e Medio Mariño fai un balance positivo das escasas dúas semanas que leva traballando o servizo de salvamento nas praias ribadenses. Paz Ermida pide maior seriedade por parte dalgúns organismos co traballo dos socorristas e que se lle dea a importancia que merece esta profesión. E salienta que neste período se prestaron unhas quince asistencias no posto técnico sanitario da praia das Catedrais.

A concelleira de Sostibilidade Ambiental e Medio Mariño, Paz Ermida, dixo: “facemos un balance positivo destas apenas dúas semanas de posta en marcha do servizo de salvamento no Concello de Ribadeo, destacando que a pesar de non contar coa totalidade da plantilla, xa que hai pouco aínda que nos confirmaron por parte da Xunta o número de prazas que se nos asignaban a cada concello, fomos quen de coordinar co xefe de equipo e co persoal técnico do Concello, axustar horarios e planificalos segundo as necesidades, dotando dun maior número de efectivos en función das mareas e polo tanto da afluencia de visitantes”.

A edil nacionalista sinalou que “ao marxe de toda a polémica que está suscitando o tema dos socorristas, é de xustiza insistir na falta de seriedade dalgúns organismos ao respecto deste tema. Hai que estar a pé de praia para ver o que é preciso, pisar os areais e pasar tan só unhas horas con estes profesionais para saber cales son as demandas reais en cada concello, e entender que se demandamos é porque o precisamos”.

A concelleira ribadense subliñou que “estamos falando dunha profesión, non dun pasatempo. Creo que é hora de darlle a importancia e a relevancia que se merece. Ao fin e ao cabo estamos falando de salvar vidas, fundamentalmente de evitar traxedias humanas que tamén se dan, e para iso precisamos medios”.
Paz Ermida relatou que “levamos dende o posto técnico sanitario de As Catedrais atendidas unhas quince asistencias, un posto que decidimos rescatar e que este ano estenderemos a outras praias”.

A concelleira do Medio Mariño contou que “dende a Concellaría de Medio Mariño seguimos traballando a reo para conseguir que toda a tempada transcorra con normalidade, e que a pesares de todo aínda nos quede tempo para seguir cumprindo soños, como foi o caso este pasado domingo dunha veciña coruñesa que conseguiu por fin ver os arcos das Catedrais grazas ao equipo de socorrismo que a baixaron a pulso ata o areal e a acompañaron durante toda a visita”.

Exit mobile version