Site icon Crónica3.com A Mariña

Posicionamento do Observatorio da Mariña pola Igualdade sobre os ventres de alugueiro

A Mariña 26-6-17. Ante o crecente debate público sobre a lexislación relativa aos ventres de alugueiro e a inminente presentación dunha lei no Congreso dos Deputados por parte do grupo parlamentar de Ciudadanos para esta mesma semana, o Observatorio da Mariña pola Igualdade fai pública a súa postura sobre a mal chamada maternidade subrogada.

Como asociación feminista rexeitamos a legalización da práctica de alugueiro de ventres pola
mercantilización e comercialización que iso implica do corpo das mulleres así como das criaturas
xestadas.

Rexeitamos as denominacións eufemísticas de “xestación subrogada”, “xestación por subrogación”,
“xestación por substitución” ou “maternidade subrogada”, pois esconden a verdadeira natureza dunha práctica que disocia a xestación da maternidade e que pon a disposición dunhas elites os
corpos femininos e a súa capacidade de xestación.

Entendemos que os dereitos das mulleres xestantes vense vulnerados e menoscabados como resultado das relacións contratuais establecidas, sexan estas lucrativas ou altruístas: control da súa liberdade de movementos, control sobre a súa sexualidade no embarazo e control mesmo sobre as decisións médicas que deba tomar durante a xestación e parto. Do mesmo modo os dereitos das criaturas así nacidas son quebrantados pola separación da nai biolóxica, o risco de tráfico e compra-venda de criaturas e incluso a súa desproteción no caso de seren abandonadas pola parte arrendataria, en ocasións ao non asumiren problemas de saúde da criatura.

Estimamos que a maternidade ou paternidade non deben considerarse como un dereito, e por tanto a
lexislación non debe apoiar a explotación dos corpos das mulleres para garantir as arelas daquelas e daqueles que desexan exercer como nais ou pais.

Consideramos que a legalización da práctica de ventres de alugueiro deixa nunha situación de debilidade e vulnerabilidade ás mulleres no seu conxunto ao seren consideradas como meras incubadoras, perpetuar o rol de servidoras cedendo os seus corpos en beneficio de terceiras persoas, cando non intermedia compensación económica, e cousificadas nos casos nos que si hai un intercambio monetario.

Rexeitamos a legalización dos contratos efectuados no estranxeiro, pois aquelas e aqueles que deciden alugar ventres noutros países burlan a lexislación española e proceder á regularización da súa situación no territorio español non fai máis que incentivar esta práctica, calificada polo Comité de Bioética de España, no seu Informe sobre os aspectos éticos e xurídicos da maternidade subrogada nestes termos: “a maternidade subrogada internacional, na medida en que ten un carácter comercial e
recorre como xestantes a mulleres que están nunha situación económica e social de vulnerabilidade, pódese calificar na maioría dos casos como tráfico de nenos e explotación de mulleres, máis alá de que exista un marco legal que a ampare […] Soen ser países pobres e/ou nos que existen unhas enormes desigualdades sociais e económicas. Soen ser tamén países cunha cultura na que practicamente todo é susceptible de compravenda e/ou nos que a muller ten unha consideración social inferior ao varón.”
Subliñamos o pronunciamento en contra dos ventres de alugueiro por parte do Parlamento Europeo no seu Informe anual sobre os dereitos humanos e a democracia no mundo (2014) no que “condena a práctica da xestación por substitución, que é contraria á dignidade humana da muller, xa que o seu corpo e as súas funcións reprodutivas empréganse como unha materia prima; estima que debe prohibirse esta práctica, que implica a explotación das funcións reprodutivas e a utilización do corpo con fins financieiros ou de outro tipo”.

Por estes motivos o Observatorio da Mariña pola Igualdade declárase contrario á legalización dos ventres de alugueiro e pedimos ás forzas políticas presentes no Congreso dos Deputados que voten en
contra da Lei de Xestación Subrogada por considerar que é oposta aos dereitos das mulleres

Exit mobile version