Site icon Crónica3.com A Mariña

PP e BNG na Deputación pídenlle ao Goberno Provincial que someta a Pleno o Plan de subvencións que reparte 6,6 millóns de euros pola porta de atrás

Lugo, 27 de maio de 2017.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, asegurou hoxe que a decisión do presidente da Deputación de “non traer o Plan Estratéxico de Subvencións ao pleno é provocar e non querer chegar a acordos, de maneira que rompen esa imaxe que os cidadáns agradecen de consenso e que lle daba osíxeno ao presidente”. A popular afirma que a decisión do presidente de aprobar o Plan en Xunta de Goberno busca a confrontación, polo que o convida a reflexionar “posto que llo están dicindo máis deputados dos que ten”.

Así, a moción presentada polo PP contou tamén co apoio dos dous deputados do BNG. A voceira do PP recomendoulle ao presidente da Deputación que rectifique “porque sempre que o fai é cando acerta”, expuxo, ao tempo que indicou que os populares agardan que na próxima sesión plenaria a aprobación do PES sexa debatida no pleno “porque llo pide a maioría desta Corporación, que é o órgano supremo desta institución e porque o fixeron pola porta de atrás”.

A popular defendeu que o reparto de 6,6 millóns de euros de recursos públicos se debe facer dunha maneira transparente e dándolle participación a todas as forzas políticas, máis aínda cando estamos ante un Goberno en minoría. Elena Candia recordou que o Plan sempre foi aprobado polo Pleno da Corporación, polo que manifestou o seu desconcerto porque “esas mesmas persoas que formaron parte desas Corporacións agora decidan aprobalo nunha Xunta de Goberno e non sometelo á consideración de todos os deputados e deputadas”.

Elena Candia preguntoulle ao presidente qué medo ten para non querer someter este plan á valoración do Pleno cando todos os Grupos están a manter unha actitude construtiva, como así se demostrou coa aprobación do Plan Único de Colaboración cos Concellos.

Desde o PP consideran “un erro” a decisión do presidente que, “sempre que ten oportunidade” deixa ver cal é a súa forma de actuar. Tanto é así que o PP tivo que solicitar ata en tres ocasións poder coñecer ese plan, despois de que xa fora presentado á prensa. “Vemos ademais, explicou a popular, que hai un reparto de áreas en funcións das persoas existindo incluso deputados que non teñen competencias nesas contías que se reparten”.

“Este plan probablemente obedece a acordos ocultos que non coñecemos, pero aínda así pedimos que se someta á aprobación do Pleno este documento íntegro ou coas achegas que nos gustaría facer e que non puidemos”.

Agradecemento á postura do BNG
A voceira do PP agradeceu a postura do BNG “pola súa coherencia” ao defender que o plan fora aprobado no Pleno, ao igual que sempre se fixo cando formaron parte do Goberno provincial. “O que non entendemos é que o presidente recorra a este procedemento con nocturnidade e aleivosía cando podía telo sacado adiante cun apoio importante”.

“Este comportamento evidencia os socialismos que vivimos nesta etapa da institución. Hoxe novamente arrastrou ao Goberno nunha decisión equivocada, porque se ía chegar a un acordo, e perdeu unha oportunidade buscando a confrontación cando nos anos 2012, 2013, 2104 e 2015 o plan foi sometido á aprobación do pleno ao ser considerado polo equipo de Goberno o órgano competente”.

Lamentou que Campos actúe de maneira ditatorial, o que reflexa o seu grao de insatisfacción co seu equipo de Goberno, e pediulle que non actúe de costas á maioría sen darlle participación aos grupos da oposición. “As insatisfaccións teñen moito que ver coa perda de eleccións e dixo vostedes saben moito. Agardo que rectifiquen”, expuxo.

Exit mobile version