Site icon Crónica3.com A Mariña

Preocupación no Concello de Ribadeo pola presenza de xabarís no casco urbano. O alcalde ordenou enviar requirimentos aos propietarios de fincas que están sen limpar para que procedan ao seu adecentamento

020617 Foto alcalde zona xabarín 2Ribadeo, 2 de xuño de 2017. O Concello enviará requirimentos aos propietarios de fincas que están sen limpar no ámbito urbano para que procedan ao seu segado e mantemento. O alcalde, Fernando Suárez, xunto a un técnico municipal visitaron esta mañá a zona na que estes días se detectou presenza de xabarís en pleno casco urbano da vila, no treito comprendido entre o Club de Tenis e as rúas San Lázaro e Deputación.

O rexedor declarou que “desde o Concello compartimos a mesma preocupación con estes veciños desta zona da vila, desta parte pola rúa Deputación e todas as súas traseiras que colindan entre aproximadamente a pista de tenis de Ribadeo e as rúas San Lázaro e Deputación. Hai moitas fincas nalgúns casos xa non soamente con herba senón con arborado que non están nunhas condicións de mantemento axeitado, entón é normal que poidan darse circunstancias como as que se están dando que hai xente que está vendo xabarís no patio da súa casa, nalgúns casos de maneira individual e noutros casos víronos incluso con crías”.

Suárez Barcia manifestou que “desde o Concello estamos cos técnicos municipais mirando as propiedades que se atopan nun estado de certo descoido para requirirlles aos propietarios, que procedan á súa limpeza, xa que estes son ámbitos absolutamente urbanos, aínda que estamos a quilómetro e medio do monte colindando coa parroquia de Ove e coa zona da Vilavella”.

O alcalde insistiu en que “estamos nun ámbito absolutamente urbano e aínda que poida haber patios, fincas e arborado é evidente que teñen que estar nunhas condicións de conservación e mantemento óptimas para que non se produzan estas cousas. Non deixan de ser animais salvaxes que nun ámbito urbano non poden convivir”.

Fernando Suárez anunciou que “nos próximos días estes propietarios empezarán a recibir requirimentos de que teñen que actuar, senón o Concello terá que tomar outro tipo de medidas que non son desexables que as adoptemos”.

Exit mobile version