Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentación do libro O Monte Galego e Mariñán. Acto da Pomba do Arco

A Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza o Venres 9 de Xuño ás 20:30 na Libraría Bahía de Foz a presentación do libro “O monte galego e mariñán.Caos ou aproveitamento multifuncional?” co obxectivo de promover un debate sobre a situación do sector forestal na Mariña e en Galiza.

Dende a Asociación A Pomba do Arco somos conscientes da importancia que ten o monte para a economía da nosa da zona e do conxunto de Galiza e tamén das súa potencialidades como factor de desenvolvemento, polo que queremos divulgar no entre as nosas veciñas e veciños todas estas fortalezas ao tempo que favorecemos o debate sobre as súas diversas problemáticas.

O acto contará coa presenza dalgúns dos autores do volume así como de persoas que pola súa actividade son bos coñecedores desta realidade.

Entre os primeiros atopamos a Alberte Blanco Casal, coordinador do volume, autor dun dos seus capítulos e Director Xeral de Montes entre 2005 e 2009, período no que tivo que enfrontar unha das máis fortes vagas de incendios forestais; Bernardo Valdés Pazos, profesor da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo, economista centrado en traballos vinculados á economía agraria e autor dun dos capítulos do libro; e Ramón Reimunde Noreña, profesor de Lingua e Literatura, escritor e presidente de Produtores de Madeira de Galiza (PROMAGAL), entidade que agrupa a un importante número de produtores forestais na Comarca.

Para a Asociación A Pomba do Arco“ estas tres persoas achegaranos diversas perspectivas e estratexias para a posta en valor do monte galego e mariñán, cun obxectivo partillado de reverter a situación actual do monte, en gran medida caótica subdesenvolvida, e espello do abandono e do atraso do medio rural galego. Entendemos que esta situación non é consecuencia dunha fatalidade histórica, como sinalan os autores do volume, senón resultado dun deseño político iniciado varias décadas atrás e que ten moito a ver co rol que lle foi asignado ao noso ao País. Agardamos, pois, que este acto axude a socializar a problemática forestal en Galiza e na Mariña, a que a sociedade tome en conta a importancia do monte e tamén a favorecer o debate entre os diversos sectores que participan do complexo forestal”.

Por iso convidámoste a acudir a este acto de presentación e ao posterior debate.

Exit mobile version