Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres mozos (dúas rapazas e un rapaz) organizan as festas do San Pedro e do Carme na parroquia de Mor, Alfoz

Lorena, Raúl, RominaAlfoz 27-6-17. Representan unha boa mostra das xeracións que hoxe contan entre 20 e 30 anos; persoas novas, preparadas e dinámicas: unha deseñadora de moda (Romina Lorenzo), un filólogo de lingua inglesa (Raúl Río) e unha deseñadora gráfica (Lorena Reigosa), forman a comisión de festas que organizará o San Pedro e mais o Carme na parroquia de Mor.
Trátase dos maiordomos (nesta zona chámase maiordomos aos ramistas) máis novos que se recordan nos últimos tempos, e comezaron a xestar a idea de organizar as festas hai uns meses, cando coincidiron no equipo que representou Mor nas olimpiadas parroquiais que se celebran anualmente en Alfoz.
O verán pasado non houbo festas parroquiais en Mor por falta de voluntarios, e nesta ocasión, Romina, Lorena e Raúl, decidiron abordar o proxecto para animar a tempada estival na localidade e manter vivos os vínculos sociais da parroquia.
Tradicionalmente, a comisión que se encargaba de organizar o San Pedro, debía artellar tamén a festa do Carme, por iso a actual comisión, malia estar formada por veciños moi novos, pretende manterse fiel aos costumes da parroquia.

Unha das novidades introducidas pola actual comisión, é a confección dun libro promocional onde aparece información de todas aquelas empresas, comercios e entidades que colaboraron economicamente coas festas; na devandita publicación ofrécese tamén unha colección de fotografías antigas, tanto da parroquia de Mor como doutros lugares do municipio, xa que poñer en valor o ámbito xeográfico local é outro dos obxectivos da comisión.

A primeira celebración terá lugar o sábado 1 e o domingo 2 de xullo, días en que se honrará a San Pedro, patrón da parroquia, e a segunda será o Carme, o domingo 16 de xullo.

O sábado, día 1 de xullo, celebrarase unha misa solemne ás 12:00 h., e unha procesión, seguida da sesión vermú a cargo da orquestra “La Favorita”, este mesmo conxunto porá música á verbena nocturna.
Pensando nas preferencias do público mozo, a verbena tamén estará amenizada pola disco-móbil “Fabrik”.
Cómpre salientar que a comisión tamén pensou no lecer dos máis pequenos, pois haberá atraccións inchables á disposición de todos os nenos, totalmente gratis.
Ao día seguinte, o domingo 2 de xullo, de novo, oficiarase unha misa solemne ás 12:00 h., desta volta a sesión vermú contará coa actuación do “Dúo Epo-K”.

O domingo 16 de xullo, a parroquia de Mor volverá a estar en festas, pois chega O Carme.
Na mañá dese domingo celebraranse dúas misas solemnes, ás 9:00 e ás 12:00 h., ao remate da última ceremonia relixiosa terá lugar a procesión, e a continuación a sesión vermú coa música do trío “Lembranza”, quen tamén amenizará a verbena nocturna.
Cómpre salientar que a noite do 16 ofrecerase, no mesmo adro parroquial, unha cea gratuíta para veciños e persoas que prestaron a súa colaboración.

Outra iniciativa que se vai poñer en práctica ao longo das tres xornadas festivas, é a celebraración de sorteos entre o público asistente, pois unha das inquedanzas desta comisión, é captar e entreter os sectores de poboación que se teñen afastado das festas por non encontraren alicientes nas celebracións.

A comisión desexa agradecer a colaboración dispensada e o cariño recibido por parte dos veciños e estabelecementos comerciais da parroquia de Mor, do mesmo xeito, quere expresar o seu agradecemento ao Concello de Alfoz pola axuda prestada.

Exit mobile version