O presidente de Acisa, David Martínez, e o xerente, Jesús Pérez, déronlle a benvida e aseguraron que “o que pretendemos é ofrecer os mellores servizos aos nosos asociados e asociadas. E iso seguirémolo a facer co noso traballo habitual e agora tamén coa incorporación deste traballador, que conta con 18 anos de experiencia no sector fiscal”.
Martínez precisou que “José Ángel apoiará ao xerente no seu traballo, visitará aos nosos socios, colaborará na organización e posta en marcha das campañas que levaremos adiante ao longo dos vindeiros meses e atenderá todas aquelas dúbidas ou suxestións que nos queiran facer chegar”.
O presidente de Acisa subliñou “a importancia que ten este programa da Deputación de Lugo, o Ben Empregado 3, para as empresas e tamén para as asociacións como a nosa. É dunha grande utilidade porque poderemos facer máis cousas, grazas á chegada deste novo traballador. A experiencia que tivemos nas outras edicións foi moi positiva”.