Site icon Crónica3.com A Mariña

Veciños do casco urbano de Ribadeo están atemorizados pola presenza de xabarís. Reclaman medidas urxentes antes de que ocorra unha desgraza maior, pois xa causaron feridas graves a un can que estaba nunha finca pechada

010617 Foto danos xabaril 2Ribadeo, 1 de xuño de 2017. Veciños do casco urbano de Ribadeo están atemorizados pola presenza de xabarís, que cada vez se achegan máis ás súas vivendas. Reclaman medidas urxentes antes de que ocorra unha desgraza maior, pois xa causaron feridas graves a un can que estaba dentro dunha finca pechada, situada nas proximidades das instalacións do Club de Tenis, e incluso accederon ás escaleiras desa casa.

A presenza dun xabaril, polo menos, é cada vez máis palpable nas fincas das vivendas da rúa Deputación, onde volveu causar estragos esta pasada noite, cando incluso se achegou máis ás casas que en ocasións anteriores, como se pode apreciar polos danos que fixo.

Veciños afectados explican que puxeron esta preocupante situación en coñecemento dos responsables do Concello o pasado xoves, 25 de maio, e ese día estiveron na zona dous axentes da Policía Local para intentar localizar aos xabarís, pero non foi posible porque nas proximidades hai varias fincas cheas de maleza nas que se poden ocultar facilmente estes animais salvaxes. “Cada vez estamos máis atemorizados porque esta mañá vimos que a pasada noite causaron outra vez danos nas nosas fincas, pero nesta ocasión en zonas moi próximas ás casas. E como xa feriron gravemente a un can que estaba dentro da finca dunha vivenda, para o cal romperon o peche do solar e incluso chegaron a subir polas escaleiras exteriores da casa, temos medo a que ataquen a outros animais domésticos da zona ou incluso a persoas. Esperamos que non teña que suceder unha desgraza maior para que algunha autoridade tome medidas en serio para resolver este problema”, manifestan veciños da rúa Deputación.

Os afectados engaden: “esta situación preocúpanos moito, porque tememos pola nosa seguridade, a dos nosos animais domésticos, polas plantacións e as árbores froiteiras que temos nas fincas. E reclamamos que algunha administración, a que sexa, actúe en serio e tome medidas para expulsar da zona estes animais salvaxes urxentemente, antes de que causen danos máis graves, dos que incluso poden ser vítimas as persoas, porque se isto ocorre as lamentacións posteriores non servirán de nada”.

Exit mobile version