Son os traballos que fixeron ao longo do curso un grupo de 20 mulleres deste colectivo no local municipal de Castelo, baseados fundamentalmente na pintura e na técnica do macramé.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, xunto a edil de Cultura, Dolores García Caramés, e de Muller e Igualdade, Pilar Armada, acompañaron na inauguración da exposición a unha representación deste colectivo.
A mostra, pódese visitar ata o día 30 de xullo, en horario de 11:00 a 13:00 horas, pola mañá; e de 18:00 a 21:00 horas, pola tarde.
As Espalladoras, da man da súa monitora Fuensanta Alonso, converteron a sala expositiva nunha casa, simulando o salón, os diferentes cuartos, o baño, o comedor…decorados con elementos creados coas súas propias mans.
Ademais tamén teñen á venda diferentes pezas elaboradas por elas mesmas.
O rexedor quixo felicitar a este grupo de mulleres polo traballo que fan coas súas mans; e convidou a todo o mundo a que se achegue estes días ata a Casa da Cultura.
Villares recordou que as diferentes salas expositivas do Concello – a da Casa da Cultura, de San Ciprián, a sala de exposicións do Edificio anexo ao Concello, en Cervo; e tamén un espazo habilitado no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos- están a disposición daquelas asociacións, veciños, e artistas de diferente índole, que desexen dar a coñecer o seu valioso traballo; porque un dos obxectivos do Concello de Cervo “é darlle dinamismo ás salas expositivas coas que contamos, e a nosa idea, deste xeito, é que estean sempre vivas, sendo espazos de encontro dos nosos veciños e visitantes co mundo da arte nas súas diferentes facetas”.