Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta apoia aos concellos de Trabada e Lourenzá con máis de 422.000 euros para impulsar tres proxectos ambientais e o obradoiro de emprego en carpintaría e conservación de montes

Lugo, 29 de xullo de 2017.- A Xunta de Galicia achega aos concellos de Trabada e Lourenzá preto de 422.000 euros para impulsar tres proxectos financiados con cargo ao fondo de compensación ambiental e poñer en marcha, xunto con Barreiros, un novo obradoiro de emprego.

Así o explicou o delegado territorial, José Manuel Balseiro, quen quixo poñer en valor a liña de colaboración que o Goberno galego desenvolve con estes municipios e que, moi en particular, toma forma nestas axudas que recentemente veñen de concederse.

Mantemento dos espazos naturais
O primeiro dos proxectos apoiados pola Xunta, a través do Fondo de Compensación Ambiental, foi presentado de xeito conxunto por ambos municipios e ten por obxecto dar continuidade a un servizo que leva funcionando desde o ano 1996. Desde esa data ambos concellos colaboran no mantemento de espazos naturais e na adquisición de equipamentos para a protección ambiental.

A axuda achegará 74.000 euros para apoiar os gastos do servizo de limpeza e desbroce de camiños e espazos verdes, así como os gastos do persoal encargado do mantemento das áreas recreativas, paseos, xardíns en ambos concellos.

A achega tamén financia o fornezo e instalación de 250 soportes inoxidables para o amarre dos colectores de recollida de residuos sólidos urbanos, unha solución para evitar desprazamentos e vencer pendentes ou que envorquen polo vento. Ofrécese así á veciñanza unha mellor calidade na prestación do servizo de recollida dos residuos e unha mellora adecuación co medio ambiente.

Adquisición de camión grúa en Lourenzá
Xa de xeito individual no Concello de Lourenzá, tamén recibirá unha achega de 32.000 euros para a adquisición dun camión grúa, maquinaria imprescindible para os traballos que a diario realizan no municipio: mantemento de do alumeado público, tala de árbores, retirada de obxectos a gran altura, traslado de aparellos ao punto limpo. Na actualidade non existe un vehículo destas características no parque móbil municipal.

Melloras no pavillón polideportivo
A cargo desta mesma liña de axudas, e polo que respecta á subvención individual da que se beneficiará o concello de Trabada, supera os 15.800 euros, e irá destinada á mellora da eficiencia enerxética do pavillón polideportivo Celso Currás, contiguo ao colexio público.

A obra consistirá na incorporación da tecnoloxía LED tanto na zona deportiva como nas instalacións complementarias tales como corredores, vestiarios, incluída a zona de ximnasio. Por experiencias previas, esta nova iluminación ten demostrado que contribúe a un importante aforro enerxético garantindo o mesmo servizo e capacidade de iluminación.

Obradoiro de emprego e outras axudas
Complementariamente ambos concellos veñen de beneficiarse, tamén recentemente, da concesión dun obradoiro de emprego por parte da Xunta de Galicia que desenvolverán en conxunto co veciño municipio de Barreiros,

A achega do Goberno galego para este fin está próxima aos 300.000 euros e permitirá a contratación de 20 persoas desempregadas, ás que hai que engadir o persoal de dirección, administrativo e os docentes-monitores. A especialidade escollida é a de conservación e mellora de montes e a de carpintaría. Prevese que a selección do persoal teña lugar ao longo das vindeiras semanas a finais de setembro poda esta en marcha

Exit mobile version