Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina preto de 9.000 euros a distintas obras nos centros educativos de Burela

Burela (Lugo), 24 de xullo de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina preto de 9.000 euros a executar distintas obras nos centros educativos de Burela, aproveitando a época de verán, e co obxecto de que poidan estar rematadas ante de que comece o vindeiro curso.

En concreto, o Goberno galego inviste 6.500 euros na realización da soleira para xogos infantís no Colexio (CEIP) Vista Alegre, traballos que se están a executar nestes días. Na mesma localidade, tamén se aproveita este período non lectivo para acometer diferentes obras de mellora no Instituto de Educación Secundaria (IES) Monte Castelo. As ditas obras consisten no pintado de aulas e arranxo de electricidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu conta do proxecto e incidiu na necesidade de “revisar constantemente as necesidades dos centros e atendelas conforme ás prioridades, porque a aposta por unha educación pública de calidade reflíctese tamén nunhas instalacións nas mellores condicións, modernas e confortables”.

Balseiro explicou que a Consellería de Cultura e Educación realiza durante o verán obras de mellora en centros educativos de primaria e secundaria de toda a provincia. “Temos neste momento máis de medio centenar de proxectos en marcha, coa intención de rematalos todos antes de que comece o vindeiro curso para así evitar os trastornos que as reparacións ou reformas poden ocasionar sobre a actividade lectiva”, afirmou.

Exit mobile version