Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financiará catro obradoiros de emprego na Mariña lucense no que participarán dez concellos

RUEDA DE PRENSA DE BALSEIRO EN LA XUNTALugo, 20 de xullo de 2017.-A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a posta en marcha de catro obradoiros de emprego en nove concellos da Mariña lucense, segundo deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro.

O Goberno galego vén de resolver a convocatoria do presente ano pola que se permitirá a contratación de 75 persoas desempregadas entre alumnado, persoal administrativo, monitores e persoal de dirección. Ao desenvolvemento destas iniciativas destinaranse algo máis de 980.000 de euros, un investimento que supera o do ano anterior

Jose Manuel Balseiro explicou que os obradoiros de emprego presentan nesta ocasión varias novidades, entre as que destaca a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses.

Os beneficiarios deste programa, que a Xunta leva a cabo en coordinación cos concellos lucenses, recibirán formación e un contrato de traballo, ademais dun certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio español.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social e nacen coa finalidade de posibilite un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a cualificación profesional dos beneficiarios e favoreza a súa posterior inserción laboral

Balseiro explicou tamén que unha vez resolta a convocatoria, agora procederase á selección dos alumnos e alumnas a través das oficinas de emprego. Estímase que os obradoiros comecen no mes de setembro.

Ao longo deste proceso de selección terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
En resume –destacou Balseiro- as persoas desempregadas que participen nestes obradoiros adquirirán novos coñecementos teóricos e prácticos na especialidade profesional da que se trate e mellorarán o seu currículo ao realizar un traballo que, ademais, será remunerado”.

Primouse tamén os proxectos vinculados coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos e de alto potencial da Axenda Galicia-Industria 4.0, así como aqueles que presentaban unha relación co tecido empresarial do territorio. Deuse, ademais, prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do Plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.

Relación de beneficiarios
Os proxectos seleccionados nesta última convocatoria foron os presentadas polos concellos de Ourol e compartido con Muras e O Vicedo; tamén o de Xove compartido con Burela e Cervo; outros dos beneficiarios serán os concellos de Barreiros compartido con Lourenzá e Trabada. Finalmente o concello de Ribadeo recibe un obradoiro do programa de garantía xuvenil, especialmente dirixidos a menores de 30 anos.

A maiores, o obradoiro da Deputación de Lugo servirá para iniciar as obras de rehabilitación do mirador de Mondoñedo, polo que tamén o beneficiario directo será un concello desta comarca. E Riotorto tamén recibirá un obradoiro neste caso compartido con Castroverde (concello promotor) A Pastoriza, Pol e Ribeira de Piquín.

Exit mobile version