Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta promoverá unha actuación arqueolóxica para documentar e delimitar o xacemento dos Castros

20170708ConvenioOsCastrosMondoñedo (Lugo), 8 de xullo de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia López, veñen de asinar un convenio para realizar unha actuación arqueolóxica coa que documentar e delimitar o xacemento de Os Castros. A Xunta de Galicia achegará 25.000 euros para a realización da mesma. En concreto, a intervención consistirá na realización dunha serie de sondaxes arqueolóxicas valorativas, distribuídas polos diferentes predios que conforman a zona e actuacións de difusión da intervención realizada.

A finalidade é coñecer mellor e delimitar dun xeito máis preciso o xacemento arqueolóxico que permita aportar a información necesaria para axustar definitivamente á súa área de protección, e tamén, en función dos resultados obtidos, favorecer a súa futura posta en valor.

O lugar coñecido como “Os Castros”, na parroquia da Nosa Señora dos Remedios do concello lucense de Mondoñedo, localízase nun pequeno outeiro entre os ríos Cesuras e Valiñadares, ao noroeste do núcleo urbano de Mondoñedo, desde onde se divisa practicamente toda a vila e cuxos terreos están dedicados na actualidade a hortas, praderías e parcelas con arboredo e maleza.

Este lugar, identificado como castro da Idade do Ferro no inventario de xacementos arqueolóxicos depositado na Consellería de Cultura, atópase incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, dado que forma parte do catálogo de bens culturais do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello de Mondoñedo.

A historia das investigacións sobre este lugar redúcense á inclusión do mesmo en diversos catálogos xa desde o século XIX, non habendo constancia de que se teñan levado a cabo ningún tipo de intervención arqueolóxica nel. As súas características topográficas, nun outeiro que presenta varios socalcos e desde o cal se ten un control visual de todo o val de Mondoñedo, con intervisibilidade con outros castros da contorna, fai que sexa, a priori unha localización factible para un castro da Idade do Ferro.

Exit mobile version