Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta reforza o novo plan de transporte público por estrada na Mariña lucense ao incorporar novas paradas nos concellos de Alfoz e Valadouro

A Seara e BurelaLugo, 22 de xullo de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda incorporará, tal e como se comprometeu, aos concellos de Alfoz e do Valadouro no novo Plan de Transporte Público de Galicia e introducirá dúas novas paradas en cada un destes municipios o que garante a súa conexión tanto co Hospital da Costa como co resto das liñas de transporte da comarca e da provincia.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, quen indicou que a nova liña fará un percorrido entre A Seara (Alfoz) e a estación de autobuses de Burela. Precisamente a modificación ten por obxecto dar resposta ás demandas dos veciños e corrixir a situación actual, xa que estes dous concellos hoxe carecen destas conexións.

En particular as catro novas paradas estarán, no que respecta ao concello de Alfoz en A Seara e Vilaude e, no que respecta ao do Valadouro, nesta mesma localidade e en Ferreira. A liña continuará por Foz (con paradas en Santa Icía, Casa da Cultura, estación de autobuses e Nois) e por Burela (Hospital da Costa, Palacio de Cristal e estación de autobuses)

Balseiro subliñou que a incorporación destes concellos dá bo exemplo de que con participación e disposición a colaborar pódese mellorar o plan, incrementar servizos e ofrecer un transporte adaptado ás necesidades dos veciños, sobre todo no rural, tal e como sempre defenderon desde a Consellería de Infraestruturas e Vivenda e, de feito, incorpora as alegacións que neste senso realizaron ambos concellos.

No conxunto da Mariña lucense o novo Plan de Transporte Público, deseñado pola Xunta, non só garante a continuidade dos servizos, senón que os incrementa notablemente. De feito, tal e como lembrou o delegado, multiplica por seis o número de paradas con respecto ao modelo actual e ofrece novos percorridos grazas á integración das liñas de transporte escolar e o modelo de solicitude á demanda.

Exit mobile version