Site icon Crónica3.com A Mariña

ACISA fai unha valoración moi positiva da 4ª edición do Ribadeo Indiano. Foron tres días nos que hoteis e restaurantes estiveron completos

Ribadeo, 10 de xullo de 2017. Acisa fai un balance moi positivo da cuarta edición do Ribadeo Indiano, que se celebrou con grande éxito de participación do 7 ao 9 de xullo.

O presidente, David Martínez, subliñou que “a vila encheuse de xente, chegada desde puntos moi diversos para gozar do IV Ribadeo Indiano. A ocupación hoteleira estivo ao 100%, quen non tivese reservado aloxamento tivo que buscar noutras localidades das Mariña. Os bares e restaurantes estiveron cheos estes días, tanto ao mediodía como á noite. Consideramos que esta edición do Ribadeo Indiano foi un auténtico éxito. As tendas de moda, de complementos, de costura rexistraron importantes vendas e encargos ao longo das últimas semanas. A festa vai medrando e cada vez máis xente de fora se anima a compartir estes días con nós”.

Martínez considera que “en 2018 aínda irá a máis pola importante presenza que o Ribadeo Indiano tivo nos medios de comunicación de ámbito nacional e galego. A nosa festa chegou a Antena 3 e a Televisión Española. Por aquí pasou o programa Comando Actualidad e aquí estivo emitindo en directo a TVG co seu Vaia Troula, por poñer só uns cantos exemplos, ademais do reflexo diario nos medios locais e provinciais”.

O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo dixo que “o éxito do Ribadeo Indiano é o éxito de todos, de veciñ@s e visitantes que encheron de branco as rúas da vila para render homenaxe aos nosos emigrantes; do comercio e da hostalaría, que se implicaron engalando os seus locais por fora e por dentro e caracterizando ao seu persoal; de todos os que quixeron poñer a nota de cor nos seus balcóns e ventás enchéndoas de flores e tamén de todas as persoas do Concello e de Acisa que durante semanas e meses traballamos para deseñar un amplo programa de actividades e actuacións para que o Ribadeo Indiano sexa o qué, unha festa para toda a familia, para pequen@s e adultos. A implicación da hostalaría e do comercio en Ribadeo con esta festa é moi importante e quero darlles as grazas a todos e todas. Agora toca descansar un pouco e pensar xa na edición de 2018”.

David Martínez considera que “os datos económicos que deixa a festa son moi importantes, xa que superan os tres millóns de euros de facturación. E os de participación tamén son para destacar porque por aquí pasaron máis de corenta mil persoas estes tres días de festa. Estamos moi contentos por Ribadeo e polos nosos asociados e asociadas”.

Exit mobile version