Site icon Crónica3.com A Mariña

Actividade de Nordés para o 22 de xullo. Camiño dos Arrieiros

camiño dos arrieirosO Vicedo 11-7-17. Unha das características da sociedade actual é a velocidade que se quere obter no eido do transporte e as comunicacións, sendo exemplo disto o inzamento de autovías e vías rápidas que nos últimos anos está a experimentar Galiza, xunto co desenvolvemento futuro do Tren de Alta Velocidade.

Pero ese progreso ten tamén o seu lado negativo cun fato de problemas sociais, medioambientais, económicos, etc. Un deles é o illamento no que quedan moitas aldeas, lugares e pobos, así coma o abandono e desaparición das antigas vías de comunicación entre eles, algo ao que xa a irrupción do automóbil contribuiu en grande medida, para o caso dos camiños rurais e corredoiras.

Un deses camiños que estivo a piques de desaparecer foi o coñecido como “camiño dos arrieiros”, cun trazado que vai dende Bares ata As Pontes polos cumios das serras da Faladora e da Coriscada, e que precisa agora mesmo dunha morea de intervencións urxentes por parte das institucións en procura da súa conservación e posta en valor como roteiro con connotacións históricas e etnográficas que poden supoñer a implementación dun novo atractivo para as persoas que visitan a nosa bisbarra.

Ese antigo camiño, en cuxas marxes os túmulos e mámoas prehistóricas son algo corrente, é o argumento da nova actividade proposta por Nordés, e para o que se deseñou unha proposta aberta a todo o mundo, cómoda de facer, instrutiva e divertida a un tempo, pois ámbalas dúas cousas non teñen porqué non mesturarse. Contaremos para iso coas intervencións de Vane Trevín, arqueóloga, e Pepe Riola, experto na historia e lendas da zona que percorre o vieiro.

Ao longo da xornada teremos tempo para visitar un conxunto de mámoas da Coriscada, escoitar unha charla sobre o “Camiño dos Arrieiros” no Albergue “O Abeiro” de Mañón (antiga Escola da Unión Mañonesa), facer unha ruta de sendeirismo de 9 km, e rematar en Casa Urbano cun xantar feito con produtos na súa maioría das hortas e granxas mañonesas. Para máis comodidade se dispoñerá un autobús que fará a ruta dende Viveiro ata Ortigueira con varias paradas no seu percorrido para xa despois dar comezo á programación prevista.

De seguro haberá moita xente interesada en participar, pero é preciso inscribirse canto antes, pois tan soio hai 55 prazas. Agardámosvos. Vide con Nordés a percorrer un camiño de miles de anos que non pode desaparecer, pois é parte da Historia da nosa bisbarra e da nosa xente.

Exit mobile version