Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano fai unha chamada á solidariedade da veciñanza de Burela para que doen sangue o vindeiro 29 de agosto. Unha unidade móbil estará durante toda esa xornada na praza do Concello

Burela, 21 de xullo de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, fai unha chamada á solidariedade e anima aos seus veciños e veciñas a doar sangue. Unha unidade móbil estará en Burela o 29 de agosto durante toda a xornada. O rexedor vai enviar cartas informando desta campaña.
Llano dixo: “estamos tratando de facer unha campaña conxunta a Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos e o Concello de Burela para procurar que este verán haxa unha motivación especial para facer doazóns no noso concello”.
O rexedor subliñou que “Burela acadou o ano pasado unha taxa de 34 doazóns por cada 1.000 habitantes, que é unha boa cifra, pero a media está entre 40 e 60 doazóns. Esa campaña o que pretende agora de verán é acadar esa cifra. A motivación non é acadar unha cifra concreta, senón que estea baseada na solidariedade da xente para procurar axudar a aqueles outros que van necesitalo nun momento determinado”.
Para o alcalde “hai que ter en conta que en verán xúntanse que os doantes se desprazan e que pode haber máis necesidade derivada de accidentes de tráfico. Estamos pensando en facer esta campaña especial para o 29 de agosto, que é martes. Aínda falta máis dun mes pero queremos anuncialo con moito tempo de antelación e imos facelo a través dos medios, e ao mesmo tempo queremos facer un chamamento a través dunha carta que se vai mandar a cada un dos veciños de Burela para tratar de motivalos e se poden que fagan unha doazón”. A unidade móbil estará situada na praza do Concello de 10:45 a 14 horas pola mañá e de 17 a 21 horas pola tarde.
Alfredo Llano lembrou que “poden facer doazóns todas as persoas que teñen entre 18 e 60 anos e pesen máis de 50 quilos. A Axencia Galega de Doazón de Sangue e o Concello de Burela procuraremos atender a esta necesidade e motivar aos nosos veciños para que sexan solidarios, que xa o son, e dentro das súas posibilidades poidan aportar polo menos unha extracción”.

Exit mobile version