Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobada a proposta do Goberno de solicitude dun crédito de 15 millóns para melloras nas estradas provinciais

DSC_0036Lugo, 26 de xullo de 2017. O Pleno deste martes aprobou a proposta do Goberno Provincial de solicitar unha operación de crédito dende a Deputación de Lugo por valor de 15 millóns de euros para melloras na rede viaria provincial, que é a máis extensa de España ao superar os 4.200 quilómetros de estradas nos 67 Concellos da provincia. Cómpre destacar que, grazas á xestión levada a cabo na última década, o organismo provincial ten unha débeda financeira de cero euros, pois no 2077 acada os 120 millóns de euros.

O Executivo Provincial fixo esta proposta, presentando unha emenda de substitución á totalidade á moción do Partido Popular relativa a un plan de mellora de estradas. Todos os Deputados da Corporación apoiaron a iniciativa do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo, que apunta, textualmente, os seguintes acordos (axúntase):

1.A elaboración dun Plan de Estradas Provinciais que alcance os exercicios de 2017, 2018 e 2019.
2.Para a dotación económica das actuacións a desenvolver ao abeiro do dito Plan acudirase a unha operación de crédito, previa tramitación administrativa do mesmo, por un importe de 15 millóns de euros. A Deputación de Lugo aportará tamén fondos do seu orzamento á financiación do Plan.
3.Para a elaboración e seguimento do Plan crearase unha comisión na que participarán todos os grupos políticos representados na Corporación Provincial.

Cómpre destacar que hoxe se acordou “acudir a unha operación de crédito” e que esta debe ser aprobada polo Pleno Provincial en vindeiras sesións.

O Vicepresidente e Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez Núñez, avanzou que estes fondos permitirán o aglomerado en quente duns 300 quilómetros, en vías de 4 metros de ancho, superando, deste xeito, os 1.500 quilómetros de aglomerado en quente que se acadaron durante a última década. No 2007, só había uns 120 quilómetros de aglomerado en toda a rede viaria provincial.

Martínez Núñez destacou que “o noso obxectivo é executar ao longo do vindeiro ano estas melloras de 15 millóns de euros para chegar ao 2019 co 50% da rede viaria con aglomerado en quente”. O Goberno Provincial proseguirá co Plan Integral de Mellora da Rede Viaria Provincial, que puxo en marcha o ano pasado, mellorando uns 120 quilómetros de estradas, que discorren por unha trintena de municipios, con 6 millóns de euros. Executáronse obras en vías da Pobra do Brollón, Lugo, Becerreá, Pantón, Vilalba, Xermade, Baleira, Abadín, Friol, As Nogais, A Pontenova, Trabada, Barreiros, Sober, Muras, Folgoso do Courel, Antas de Ulla…

28 días de media
A Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, adiantou a media de pago a provedores, facendo referencia ao dato de xuño, e apuntou que este é de 28,02 días, tendo en conta o prazo dende que se rexistra a factura e ata que se paga. Este redúcese ata os 12 días dende a conformación da factura e o seu abono. García Bermúdez ofreceu esta información no debate dunha moción do PP sobre a creación dunha comisión de seguimento dos pagos da Deputación, que foi rexeitada. A Deputada de Economía destacou o traballo levado a cabo para a redución deste prazo, pois en outubro de 2015,
coa entrada na institución do actual Goberno Provincial, había 3 millóns de euros en facturas pendentes no organismo provincial, que acumulou o Executivo de tres meses do Partido Popular, facendo que a de Lugo deixase de ser a Deputación galega que máis rápida pagaba as súas facturas. García Bermúdez apuntou que “queda moito traballo para volver a conseguir estes resultados”.

Pediatría e praias
O Pleno aprobou as mocións do Goberno da Deputación sobre a mellora do servizo de pediatría na provincia, tendo en conta o seu déficit, pois 48 Concellos non contan con este servizo diario, unha situación recentemente denunciada en Chantada, onde 900 usuarios non reciben esta prestación no seu Concello; e ao respecto da calidade das praias, pois en Barreiros hai verquidos dende hai tempo, que recentemente supuxeron a prohibición do baño na de Arealonga, cando a Xunta de Galicia ten a obriga legal do control mediambiental, pois forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC).

Esta propostas, que foron presentadas polo Grupo Provincial Socialista, saíron a adiante cos votos dos Deputados do PSOE e BNG, no caso de pediatría; e cos dos Deputados do Goberno Provincial e o voto de calidade do Presidente, no caso das praias. Os acordos aprobados son os seguintes:

– Instar á Xunta de Galicia a que estableza un plan que programe a incorporación progresiva nos vindeiros 5 anos de especialistas en pediatría, de maneira destacada en termos numéricos respecto doutras especializacións, co obxectivo de cubrir as necesidades xeradas polo déficit de pediatras na provincia de Lugo.

– Instar á Xunta de Galicia a que cobra con contratacións as baixas e vacacións dos e das especialistas en exercicio no Sergas, durante o desenvolvemento do plan mencionado no punto anterior, de forma que a atención se garanta nos centros de saúde cun tempo de espera reducido.

– Instar á Xunta de Galicia a que a atención pediátrica e sanitaria se contemple como prioridade a atender a través doutros plans de desenvolvemento territorial, como poder ser o do transporte.

– Instar á Xunta de Galicia a que aplique as medidas de control pertinentes tanto dende a súa responsabilidade medioambiental como sanitaria na Zona de Especial Conservación “As Catedrais”, así como a que impulse os investimentos necesarios para rematar con esta grave situacións.

Exit mobile version