Site icon Crónica3.com A Mariña

Arrinca este venres a VI Festa Castrexa en Burela. O Alcalde, Alfredo Llano, convida a acudir a gozar das actividades que se desenvolverán ata o domingo

19143182_1354617254651548_6060552277155264049_oBurela, 14 de xullo de 2017. A VI edición da Festa Castrexa de Burela comeza hoxe co desfile que terá lugar a partir das nove e media da noite. O alcalde, Alfredo Llano, anima a participar neste evento a veciñ@s e visitantes, e lembra que unha réplica do Torques de Burela se pode visitar estes días na Casa da Cultura así como unha mostra de fotos das edicións pasadas da festa castrexa.

O rexedor burelés dixo que “a sexta edición da celebración castrexa que facemos aquí en Burela xa está en marcha. Agora mesmo hai moi bo ambiente, xa se ve todo moi ben montado, hai unha serie de rúas e prazas no noso concello que xa están habilitadas e preparadas, esteticamente quedan perfectas para que todo o mundo que queira participar nesta edición da festa castrexa poida facelo a partir de hoxe pola tarde que é o desfile, ás nove e media”.

Llano manifestou que “eu como alcalde quero expresar a miña gratitude á toda a xente que está participando e colaborando, que aposta por relanzar esta festa, por facela cada vez mellor, consolidar esta festa como unha referencia clara de carácter lúdico pero tamén histórico, e que tamén sexa un referente na Mariña, que atraia xente e que o pasemos todos ben compartindo estes tres días que van resultar moi agradables de vivir aquí no noso concello”.

O alcalde lembrou que “onte inauguramos unha mostra que para min é moi importante, que ten moita relación e un soporte que xustifica a celebración da castrexa en Burela, que é una exposición do Torques, dunha réplica moi ben feita, unha peza que vai estar uns días, e invitamos a todo o mundo que queira saber cómo é ese Torques, que é o maior que pode haber hoxe en toda Europa. Ao mesmo tempo hai unha exposición de fotografías desde que comezou a primeira edición da castrexa ata hoxe, e vese cómo van evolucionando as diferentes edicións. Tamén hai outra exposición en nove paneis onde se representan as pezas de ouro que facían os celtas no seu momento. Penso que todo iso no seu conxunto é un bo documento para apreciar o que era a vida castrexa”.

Alfredo Llano agarda que “todo o mundo poida pasalo ben, que sexa agradable, que toda a xente de Burela participe, comparta e colabore, e que toda a xente que agora mesmo está na Mariña pasando uns días se achegue a Burela, estou seguro de que vai levar un gran recordo e que iso vai motívalo para volver máis adiante”.

Exit mobile version