Hai úns anos, en viaxe que fixéramos a Alemaña, chegamos a Goslar ,unha pequena e fermosísima cidade que forma parte do Patrimonio da Humanidade, con numerosos edificios históricos e unha ducia de museos: impresiona o exquisito coidado e respecto a tanto monumento.A zona fora rica en minas de prata e plomo, actividade desaparecida habìa tempo.
Pois ben: un dos grandes atractivos turísticos, que cada día concentra na praza principal a centos de persoas é o reloxio do concello que, cando soan determinadas horas, ábrense unhas portelas e aparece unha escena de mineiros coas palas e picos; os carretillos e cascos na cabeza e os candís nas mans; en definitiva, cos atributos tradicionais dos traballadores das minas, nun desfile que engaiola ó público que o contempla, ó tempo que en rúas e espacios públicos resoan as notas dos grandes compositores do país: Bach, Bethoven,
As minas que xa hai moitos anos non teñen, seguen a ser productivas para Goslar.
Nos tan afastados anos da nosa infancia e adolescencia, Foz era un pobo eminentemente mariñeiro: acaso o mais da Mariña. Toda a súa vida social e económica pivotaba sobre a actividade derivada do mar: os asteleiros, a pesca, o cabotaxe e as conserveiras. Por eso as festas tiñan un marcado carácter mariñeiro e as regatas de traiñeiras eran, na programación festeira o número estelar, nas que se enfrontaban embarcacións dos portos do noso litoral e do occidente de Asturias á conquista do “Gran Trofeo DALO”. Amais delas, as competicións a nado, cucañas, a caza do pato… convertían a dársena en animado escenario de tanto espectáculo.
Polo demais, a música (dianas e alboradas, concertos, verbenas…), os foguetes “de gran esplendor que lanzarán sus luminarias, mientras el espacio es rasgado por magnífica lucería de voladura y ráfagas de mortero, iluminándose vivamente por los destellos de bengalas en paracaídas…”. Centos de luces multicores – o mestre Lugilde, que ten rúa na vila, era o artìfice de tanto coorido – engalanaban a Rambla.
As bandas de música “Rebollar” e “Garrote”, ambas de Ortigueira, eran asíduas ó San Lourenzo dos nosos primeiros anos, así como a de Mondoñedo.
Tras dos “xigantes” e “cabezudos” marchábamos, en longa riola,tódolos pícaros do pobo, indefectiblemente acompañados polo quinteto viveirés “Brisas do Landro”, daquel persoeiro singular que era Pepe Randa.
Estamos a falar dos tempos miserentos da posguerra: do pan do racionamento, das roupas cheas de mendos, nun esforzo inútil por tapar os buracos para evitar o frío; ou as zocas fendidas, atadas con alambres…
A sociedade de hoxe ten pouco que ver con aquéla.Os medios económicos e técnicos ó alcance; a evolución cultural e os aparellos exímennos de todo esforzo imaxinativo e prodúcese un troque de valores: antes as festas eran sobre todo unha ilusión.
Foz deixou de ser mariñeiro e, nun xesto non exento de infidelidade ás súas orixes, as festas esquecen o mar. E, se non somos mar, ¿qué somos…?