Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela aprobou en pleno o inventario municipal e o plan normativo. Ademais saíron adiante dúas mocións, unha contra o recorte de partidas para os plans de mellora de camiños por parte da Xunta, e outra solicitando a realización de obras no colexio Virxe do Carme

Burela, 28 de xullo de 2017. No pleno celebrado este xoves no Concello de Burela foi aprobado por unanimidade o inventario xeral municipal, que está estimado en preto de 16 millóns de euros. Tamén foi aprobado o plan normativo municipal cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP. Ademais aprobouse por unanimidade unha moción do BNG presentada pola vía de urxencia solicitando a realización de obras no colexio Virxe do Carme. Neste pleno socialistas e nacionalistas votaron a favor dunha moción presentada polo equipo de goberno criticando á Xunta polos recortes realizados nos plans de mellora de camiños, moi importantes para moitos concellos, como é o caso do de Burela, e en demanda de partidas para afrontar ditos traballos.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, comentou respecto a aprobación do plan normativo municipal que “é agora mesmo de obrigado cumprimento e nosoutros temos que desenvolver un regulamento para que se fundamenten os temas administrativos no noso Concello. Foron todo votos a favor, non houbo ningún en contra, salvo o PP que se abstivo”.
O rexedor burelés contou que “tamén se aprobou inicialmente o inventario xeral, que teño que lembrar que temos un bo patrimonio que se achega aos 16 millóns de euros. Hai unha serie de propiedades que compoñen o conxunto do noso patrimonio que cremos que é bastante importante e que se pode ir incrementando ao longo do tempo. Este inventario que se fixo e que se rematou hai moi pouco tempo, consideramos que hai que repetilo máis a miúdo porque o último estaba feito desde 1999 e este concello como é dinámico, é fácil que se modifiquen os valores patrimoniais. Polo tanto pensamos que no futuro debemos facer este inventario polo menos cada dous anos”.

Exit mobile version