Site icon Crónica3.com A Mariña

CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. O cazador cazado

“O mundo é unha xungla. E se queres o meu consello Anthony, non agardes felicidade. Abandonarante, os teus amigos traizoarante e ninguén lembrará o teu nome. Morrerás nos teus propios brazos.”
– Livia Soprano, nai do capo Tony Soprano ó seu neto Anthony Junior.

Miguel Blesa de la Parra era un compañeiro, un colega. Licenciado en dereito acadou unha praza como inspector fiscal do estado mediante oposición, naquela carreira de fondo trabou amizade con José María Aznar. Sempre fidelis.
Aquel mozo que, coma a poesía, semellaba cargado de futuro, pediu a excedencia na administración pública para exercer como avogado experto en dereito financeiro e tributario: Bufete Blesa, Colmenar y Guío.
Nesa ascensión estratosférica chegou pouco máis tarde Caixa Madrid, primeiro como membro do consello de administración e finalmente, no ano 1996 e de xeito simultáneo ó nomeamento de Aznar coma presidente do goberno, como máxima autoridade da entidade. Os días de viño e rosas.
Logo chegou a cogorza da burbulla, os beneficios da Caixa duplicados en seis anos e o recoñecemento, no ano 2005, de mellor presidente de entidade financeira. A brilante xestión de Blesa levaríao tamén ó consello de administración de dúas xigantes da obra pública: FCC e ACS.
Despois, tal que no Libro das Revelacións, un coro de anxos anunciou o apocalipse: ano 2008, cheiro a naftalina nas caixas e na construción. Aquel artefacto explosivo fixo saltar polos aires o inquebrantable modelo do ladrillo.
A xustiza comezou a levantar as alfombras das caixas e saían mouchos, bruxas, sapos e curuxas. Aquí, na terriña, os directivos de Novagalicia eran condenados polo caso das indemnizacións millonarias, na meseta, os lóstregos caían sobre o noso protagonista e o gurú Rato.
En marzo de 2017 Miguel Blesa era condenado a seis anos polo caso das tarxetas black, non sendo aínda a sentencia firme. O seu entorno próximo mantiña que este depositara serias esperanzas en que o Tribunal Supremo lle dera a razón no devandito procedemento determinando a súa inocencia.
E igual que Napoleón na illa de Santa Elena, Blesa voltaba á casa, a Villanueva del Rey (Córdoba). A finca “Puerta del Toro” era un patio de recreo, un espazo onde fuxir da voráxine.
Almorzou, foi cara o coche e apareceu morto dun disparo no peito. Conxecturas aparte, os forenses determinarán as circunstancias nas que perdeu a vida. Antes, as hipóteses e especulacións xa estaban na boca de todos.
Nun intento de buscar un sentido ó exposto servidor non pode evitar sentir lástima por tipos como Urdangarín, Blesa ou López Madrid: só deron continuidade a un sistema para o que foron educados polos seus antecesores. A eterna historia do “choio” das insignes familias, a “cosa nostra”.

Exit mobile version