Site icon Crónica3.com A Mariña

CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. O procés catalán e constitucionalismo de andar por casa

¿Que está a pasar hoxe? Pois que non só somos fillos do noso tempo, senón dalgún momento pasado e, tal coma na puberdade, agardamos atopar respostas neste presente a algunha vella diatriba.
Unha delas, unha daquelas que non ven de novo, ten que ver co modelo territorial español e coa carta magna ou norma suprema do noso ordenamento xurídico: a constitución.
A “constitucionalidade” transcendeu ao ámbito académico e chegou á rúa, ós bares e tabernas, ás mesas e fogares. O procés catalán e a convocatoria dun eventual referendum a propósito da independencia fixo saltar todas as alarmas e trasladou á opinión pública un debate a propósito da lei e do modelo de estado.
O argumento máis empregado contrario á convocatoria da consulta ten que ver coa súa inconstitucionalidade. Supoño que xa escoitarían centos de veces que este é ilegal.
Chegados a este punto quixera facer unha pequena aportación a propósito dunha distinción tradicional que se veu facendo entre as dúas partes que configuran a constitución: a dogmática e a orgánica.
Así, na primeira delas, estarían recollidos os principios rectores que determinan a configuración política –monarquía parlamentaria- e territorial –estado plurinacional- de España, así como os dereitos fundamentais e as súas garantías.
Pola contra, na súa parte orgánica, deséñase a estrutura de estado e os seus órganos básicos.
Pola expresa referencia aos dereitos fundamentais a parte dogmática sería o núcleo duro da constitución: igualdade ante a lei, dereito á liberdade e á seguridade, dereito á honra, así como dereito de asociación ou dereito ao traballo entre outros…
A parte orgánica debera desenrolar de forma complementaria o contemplado na parte xa referida.
E chegados ata aquí, ¿que relación garda esta clasificación teórica co referendum catalán?
Pois que a constitución, coma calquera outra lei, non deixa de ter unha literalidade laxa que debe ser interpretada; as valoracións, sexan do Tribunal Constitucional ou das forzas políticas sempre terán un sesgo determinado.
¿Debe prevalecer o dereito fundamental á participación nos asuntos públicos e a liberdade ou a unidade da nación, consagrada no art. 2?
¿Que grado de vixencia ten un contrato social que non é capaz de preservar dereitos fundamentais coma o acceso ao traballo?
Como peche á presente opinión só quero subliñar o obvio: que un contrato (chámese constitución ou de calquera outra maneira) só ten validez na medida en que as partes decidan obrigarse por el e que calquera fórmula de convivencia pacífica só pode ter por base o libre consentimento.
Sentando dúas premisas básicas toca debater, e de xeito contrario ao sentir apocalíptico, o proceso catalán pode ser unha boa oportunidade para ver onde estamos e ata onde imos.

Exit mobile version