Os puntos de encontro familiar constitúen un equipamento social, de carácter neutral, especializado para o cumprimento do réxime de visitas establecido pola autoridade competente, que ten por obxecto favorecer a relación entre as e os menores e as súas familias cando nunha situación de separación, divorcio, nulidade, tutela ou calquera outro suposto de interrupción da convivencia familiar, o exercicio do dereito de visitas se vexa interrompido ou o seu cumprimento resulte difícil ou conflitivo.
Na actualidade diante da incapacidade de atención do servizo pola masificación estamos asistindo a resolucións xudiciais que para nada protexen a situación dos afectados, así temos constancia de casos nos que o xulgado pide que as visitas se tutelen por familiares, favorecendo en moitos casos as situacións de conflito e non sendo tutelados por observadores cualificados, provocando innecesariamente situacións de risgo.
CxG entende que se ten que apostar pola mediación, a tutela e preservar os dereitos dos afectados protexendo con garantías o eslavón máis débil: as crianzas. Existe a necesidade manifesta de aumentar este servizo, demandamos pois da Xunta unha acción política contundente para paliar esta necesidade e evitar que pase nada grave.