Site icon Crónica3.com A Mariña

Este martes comeza o lavado dos contedores verdes en Ribadeo, tanto na vila como nas parroquias. Esta tarefa chegará en xullo a 500 colectores

Ribadeo, 10 de xullo de 2017. Mañá da comezo o lavado dos contedores verdes tanto na vila como nas parroquias, segundo ven de anunciar o concelleiro de Limpeza Viaria e Xestión de Residuos, Jorge Díaz Freije. A empresa encargada de realizar estas tarefas é Urbaser, que fará 1.400 lavados anuais durante tres anos. O custe será de 30.000 euros.

O edil nacionalista explicou que “agora en xullo actuaremos en 500 contedores das parroquias e da vila e en agosto en 200. Despois no último trimestre do ano faranse outros 700 lavados dos contedores verdes, os de orgánico”. Jorge Díaz pide desculpas “polas molestias que se poidan ocasionar a primeira hora da mañá, xa que algún ruído producirá a limpeza destes colectores”.

Jorge Díaz Freije aproveitou para agradecer “o esforzo dos veciñas e veciñas que se preocupan por reciclar o lixo, por clasificado e depositalo nos contedores axeitados: verde, amarelo, vidro e cartón” e advirte que “imos vixiar de xeito máis exhaustivo os malos hábitos dunha parte da veciñanza que non pecha as bolsas antes de tiralas nos contedores ou que deixa os colchóns, sofás e enseres en calquera lugar; ou algúns hostaleiros que nesta época do ano saen tirar o lixo a media mañá ou media tarde. Hai uns horarios para acudir a depositalo durante o verán e hai que cumprilos para evitar cheiros innecesarios”. O edil de Limpeza Viaria e Xestión de Residuos lembrou “as continuas campañas de sensibilización que se viñeron facendo deste este Concello fomentando a reciclaxe e os bos hábitos entre a veciñanza e agardamos que se teñan en conta”.

No mesmo sentido se refire aos propietarios de cans que seguen a deixar os excrementos tirados na rúa: “despois das moitas advertencias que levamos facendo a este respecto e ao igual que faremos co lixo en caso de detectar condutas e malos hábitos procederemos a sancionar. Quero lembrar tamén que os cans sempre teñen que ir atados e en algúns casos, cando falamos de determinadas razas, teñen que levar bozal”.

Jorge Díaz lembra que “en Ribadeo contamos con punto limpo, con recollida de cartón porta a porta e de enseres. Temos un montón de servizos a disposición da veciñanza para ter a vila o máis limpa e decente posible”.

Exit mobile version