Burela, 11 de xullo de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, fai unha chamada á participación na concentración que terá lugar mañá, 12 de xullo, ás doce do mediodía ás portas do Concello en recordo de Miguel Ángel Blanco, concelleiro do PP en Ermua, que foi asasinado por ETA hai agora vinte anos. O rexedor burelés indica que o acto servirá para lembrar a todas as vítimas de atentados e ás súas familias.
Alfredo Llano explicou que “por suxestión e invitación da Federacion Española de Municipios e Provincias, quero convidar a todos os veciños de Burela, entidades e xente que estea por aquí, xa que mañá, día 12, ás doce da mañá imos facer unha concentración diante do Concello para lembrar o aniversario da morte de Miguel Ángel Blanco, que hai vinte anos que morreu a mans da banda terrorista ETA”.
O alcalde de Burela subliñou que “queremos tamén ao mesmo tempo dalgunha maneira homenaxear absolutamente a todas as vítimas do terrorismo. Pensamos que é unha boa oportunidade para unificar criterios en contra das actividades terroristas de calquera índole, de calquera nivel e maneira. Polo tanto temos esa oportunidade mañá para manifestarnos e ser solidarios con todas as vítimas que houbo ata o de agora e tamén cos seus familiares”.
Llano insistiu: “queda invitado todo o mundo a participar nesta concentración mañá, diante do noso Concello a partir das doce da mañá”.