Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz celebra as XXII xornadas de historia

Foz 26-7-17. A asociación cultural “A Pomba do Arco” dará comezo o luns 31 de Xullo á XXII edición das Xornadas de Historia Local, que esta asociación ven celebrando de xeito ininterrompido nas primeiras semanas do mes de Agosto. As Xornadas de Historia Local téñense convertido xa a esta altura en toda unha referencia da proposta cultural do Concello de Foz, pola súa contribución a pór en valor o pasado de Foz. Segundo o presidente da entidade Xoán Ramón Fernández Pacios “ as xornadas son unha aposta por dar a coñecer a nosa historia, divulgar o noso pasado, interpretalo e conservalo coa complicidade das xentes de Foz , xa que son os seus veciños os que coa súa asistencia fan posible estas xornadas ano tras ano”.
As xornadas inícianse o luns 31 de Xullo ás 20:30, na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz coa proxección do documental “Riquezas lucenses” e cunha palestra posterior a cargo de Xosé María Leal Bóveda titulada “A salgazón e a conserva no Cantábrico galego”. “Riquezas lucenses” é un documental rodado en Foz en 1947 polo cineasta Carlos Boué, con guión de Talentí, directivo da empresa focega “DALO” e no que se fai un percorrido pola actividade madereira, conserveira e pesqueira que naquel momento se desenvolvía no noso Concello. A Pomba do Arco achegará unha versión completa do documental, cuxo versión parcial xa se pode visionar, para continuar posteriormente co relatorio de Xosé María Leal Bóveda que fará un percorrido pola actividade da conserva e do Salgazón desde o século XVIII até a segunda metade do século XX.

O Martes 1 de Agosto ás 20:30 na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz, a quenda correspóndelle a Ramón Eiras Fernández, historiador e autor de diversos traballos de investigación sobre a localidade, algúns dos cales foron publicados en diversas edicións da Pomba do Arco. A palestra titulada “ Así falan os focegos”, nun claro guiño do autor ao poeta Antón Noriega Varela, persoa tan vinculada ao noso concello, é un traballo no campo dos estudos lingüísticos e etnográficos. Así Eiras na súa exposición referirase a expresións que non son características, a formas propias do léxico mariñeiro, a toponimia e aos nomes populares con que eran coñecidos as familias focegas. Neste sentido merece destaque o traballo do autor a fin de recuperar os nomes cos que eran coñecidas e aínda nalgún caso son coñecidas as diversas familias focegas e que nas últimas décadas veñen desaparecendo con grave risco para o noso patrimonio inmaterial.

O mércores 2 de agosto, tamén na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz e no mesmo horario, as 20:30, terá lugar a conferencia que leva por título “Mariñáns nas Cortes do século XIX” e nos que autor fará un percorrido por algúns daqueles políticos máis significados que representaron os diferentes partidos xudiciais da Mariña desde o reinado de Isabel II até as Cortes da I Restauración Borbónica. Ao tempo que se lembran a estas persoas, algunhas das cales xa foron obxecto de palestras específicas nas xornadas, analizarase que e como foron tratados no Congreso e no Senado os problemas do Foz do século XIX. A palestra correrá a cargo do focego Xosé Ramón Veiga Alonso, profesor do campus de Lugo da USC e un dos grandes estudosos e especialistas do século XIX galego , froito de cuxas investigacións teñen xurdido múltiples publicacións así como a súa tese de doutoramento titulada “O conde de Pallares e o seu tempo, 1828 – 1908. Política, ferrocarrís e agrarismo en Galiza”.

As xornadas fecharanse finalmente o xoves 3 de agosto ás 20:30 cun palestra de André Pena Graña no salón de actos da Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz. Pena Graña arqueólogo e historiador é un dos investigadores máis recoñecidos e tamén máis polémicos sobre a Idade Antiga e Alta Idade Media Galega, períodos aos que ten dedicado numerosas publicacións e sobre os que ten disertado tanto en Galiza como en Europa. O relatorio de Pena Graña xirará arredor das poboacións de orixe británica que se asentaron no norte galego entre o século V e VI, cuxa figura máis coñecida foi o Bispo Mailoc, fundando diversas comunidades e mosteiros, entre os que destacaba o “Mosteiro Maximun” que a grande maioría da historiografía galega sitúa no actual san Martiño de Mondoñedo, até o punto de que a actual basílica se construíu sobre ese templo anterior.

Exit mobile version