Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz celebra o sábado 22 de xullo a XXIV edición da Festa do chicharro lañado

Foz 18-7-17. A Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego organiza o vindeiro sábado 22 de xullo na dársena do porto de Foz unha nova edición da súa tradicional Festa da Patria, que os nacionalistas focegos levan celebrando nos últimos 24 anos. Segundo indicou o responsábel local da organización Francisco Fanego “o programa deste ano seguirá respondendo ao esquema tradicional, misturando a reivindicación, a festa, a música e a gastronomía. Outra vez o chicharro lañado, os cachelos, os chourizos e os torresmos serán un aspecto central da celebración, comezando a servirse racións para os asistentes a partir das 19:00 horas. Ao tempo na propia zona onde se celebra a festa habilitarase unha zona de xogos para os pícaros así como animación e música para disfrute dos presentes”.

O responsábel local dos nacionalistas en Foz sinalou que “a Festa da Patria responde a dous obxectivos. O primeiro crear espazos de convivencia, fraternidade e lecer entre os veciños e veciñas do noso concello e tamén con aquelas persoas que nos acompañan nos meses de verán. En segundo lugar poñer en valor algúns dos pratos máis tradicionais e característicos da nosa gastronomía como acontece co chicharro lañado, produto que é propio e exclusivo da área cantábrica galega e que amais os focegos asociamos a aqueles anos da postguerra nos que o chicharro sacou tanta fame na nosa vila. Acompaña ao chicharro o chourizo e os torresmos, neste caso produtos da terra, e que definen a Foz como terra mariñeira pero tamén labrega”.

Francisco Fanego afirmou tamén que “esta festa enmárcase nos actos preparatorios da manifestación do 25 de xullo que o BNG celebra todos os anos en Santiago de Compostela para celebrar o Día da Patria Galega”. Neste sentido quixo animar ao conxunto dos veciños e das veciñas de Foz a participar da xornada de mobilización e festa do Día da Patria Galega indicando que “o BNG vai habilitar un autobús desde A Mariña para acudir á xornada do 25 de xullo podendo anotarse no teléfono 982 140 654 todas aquelas persoas interesadas en acudir a Santiago de Compostela”.

Xa por último desde o BNG en Foz sinalan que “a edición deste ano da festa celébrase nun momento de tristura para a familia nacionalista pola morte dun dos promotores e organizadores da mesma en toda as edicións, o noso compañeiro Xan Carlos Basanta, cuxa presenza e exemplo estarán sempre con nós”. Asemade Francisco Fanego quere “convidar ás veciñas e aos veciños de Foz á festa do sábado 22 de xullo, unha festa que quere ser e de feito xa é de todos os focegos, unha celebración que nos achega ao noso pasado mariñeiro e labrego pero que tamén quere ser unha aposta por mellorar o presente da nosa vila e un compromiso cun futuro mellor”.

Exit mobile version