Para a máxima responsable do deporte galego, estes 166 convenios representan “o traballo ben feito de todas aquelas entidades que prestan un servizo fundamental para a nosa sociedade: a accesibilidade ao deporte e á competición deportiva”. A secretaria xeral manifestou que “a Xunta de Galicia debe ser ese defensor e protector da práctica deportiva, como o é da cultura ou da educación” xa que “o patrimonio deportivo de Galicia vai en aumento e achega á sociedade uns valores fundamentais ligados a un estilo de vida saudable”. “Ese é o noso papel como patrocinadores do deporte de Galicia: continuar apostando cada ano con máis forza pola vida deportiva e os valores deportivos necesarios para o conxunto da sociedade como son o esforzo, o traballo en equipo, o respecto ao adversario a ás normas ou mesmo á vida saudable”, apuntou.
En termos absolutos, desde que o Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia botou a andar na tempada 2009-2010 a Xunta leva consignados a este aspecto uns 17,4 millóns de euros. Unha cantidade, dixo a secretaria xeral, “que sería inalcanzable se non contásemos co apoio de ABANCA” a quen agradeceu “o seu esforzo e a súa aposta decidida polo deporte galego”.
Ao fío desta idea, a secretaria xeral identificou o Plan de patrocinios como “un excelente negocio” xa que apostar polos deportistas galegos “é apostar sobre seguro”. Así, Marta Míguez fixo un chamamento a todas aquelas entidades privadas para que, como ABANCA, “se sumen a este compromiso que beneficiará, sen excepción, a todos os habitantes de Galicia”.
Os 21 equipos de Lugo e a súa área que asinaron hoxe os convenios de patrocinio foron: o Club Baloncesto Breogán SAD, o Club Porta XI CB, o Clube Ciclista Cidade de Lugo, a Asociación Deportiva Tripenta Terras de Lugo (feminino e masculino), o Club Tríatlon Cidade de Lugo Fluvial nas especialidades de tríatlon (feminino e masculino) e dúatlon (feminino e masculino), o Club Peluquería Mixta Friol, o CD Burela Fútbol Sala (feminino e masculino), o Prone Lugo Asociación Deportiva, o Club de Hockey Feminino Meigas, o Club Patíns Lóstregos Lucus (feminino e masculino), o Club Fluvial de Lugo (feminino e masculino), O Club Piragüismo Cidade de Lugo e o Club Emevé (feminino e masculino).