Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio ambiente acomete obras de conservación e limpeza vexetal en varios puntos do camiño natural do Cantábrico, no de San Rosendo e no acceso ao souto da Retorta

Lugo, 19 de xullo de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciará hoxe distintas tarefas de conservación ao longo dunhas seis hectáreas pertencentes ao Camiño Natural do Cantábrico, no Camiño Natural de San Rosendo e o acceso ao Souto da Retorta.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos desenvolveranse a iniciativa da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e servirán para poñer en valor e favorecer o uso e aproveitamento desta ruta de grande interese paisaxístico e ambiental.

Con este propósito a Xunta destinará un orzamento estimado de entorno a 6.000 euros que suporán realizar tarefas de desbroce e control da vexetación nas marxes desta ruta así como a poda de árbores e arbustos naquelas zonas nas que resulte necesario. O apoio da administración autonómica desenvólvese ao abeiro dun convenio co Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

O Camiño Natural Ruta do Cantábrico, que percorre a franxa costeira da Mariña lucense ao longo de 131 quilómetros distribuídos en 6 etapas e 2 ramais, en concreto entre as localidades de Ribadeo e O Vicedo

Este itinerario pódese realizar a pé e en bicicleta o que permite unha interacción co mar, gozando das rías e dos espazos naturais, algún deles como espazos naturais protexidos como a ría de Foz-Masma e a ría de Fazouro, entre outros.

Tamén se prevé actuar no Camiño Natural San Rosendo, itinerario froito da recuperación de 225 quilómetros de vías peonís entre as provincias de Ourense e Lugo. Dividido en tres etapas, o camiño segue o trazado de distintas calzadas romanas, cruza os municipios de Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros e Foz.

Finalmente, acometeranse estas mesmas actuacións no acceso ao Souto da Retorta, en Viveiro, tamén coñecido como eucaliptal de Chavín, onde se atopan algúns dos exemplares desta especie arbórea de maior altura e envergadura do continente, como o famoso “avó”, plantado arredor do 1880.

Balseiro asegurou que a medida representa “un beneficio que se manifesta tamén na recuperación paisaxística destes contornas naturais e facilita a recuperación de sendeiros de uso público para o tránsito peonil”.

Exit mobile version