Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG critica que a Escola de Música de Burela permaneza pechada durante máis de dous meses

Burela, 17 de xullo de 2017. O BNG formulará unha serie de preguntas ao Delegado de Cultura para a súa contestación en pleno para que dea conta da situación da Escola de Música. Segundo adiantou o portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, “o Sr. Díaz ten que aclarar por que a Escola de Música Municipal permanece pechada os meses de xullo e agosto cando o profesorado está contratado durante todo o ano, chegando incluso a demorarse o inicio do curso ata finais de outubro”. Desde a formación nacionalista entenden que o persoal que imparte docencia no centro ten dereito a un mes de vacacións, igual que o resto do persoal laboral do Concello, polo que non se explica o motivo de teren máis de dous meses de parón da actividade. “Non nos vale que se faga un curso do 3 ao 7 de xullo e listo, nós queremos unha escola dinámica, que sexa unha alternativa de formación e lecer para os nenos e nenas do noso concello durante o verán ao tempo que funcione como axente dinamizador da oferta cultural en Burela” engadiu Pillado.

A formación nacionalista responsabiliza a José Díaz da pésima xestión da Escola Municipal de Música.

Desde a formación nacionalista critican a pémisa xestión da Escola de Música por parte do Goberno Municipal do PSOE. No pleno ordinario celebrado en abril, o Grupo Municipal do BNG xa se interesou por esta cuestión, ante as queixas recibidas por parte de varios usuarios da escola pola desorganización horaria do centro. Tras as explicacións dadas polo Sr. Díaz, o portavoz nacionalista explicou que “aínda nos quedaron máis dúbidas das que tiñamos inicialmente, porque é difícil de entender que o horario do director da escola sexa de 18 horas semanais, repartidas os mércores e venres de 10:00 a 19:00 horas. Un horario cando menos chamativo” indicou Pillado. A estas queixas que veñen sendo reiteradas nos últimos anos, temos que engadir o habitual retraso no comezo do curso escolar, que este ano se demorou até o 31 de outubro, sen que chegase a efectuarse a devolución dese mes ao alumnado matriculado.

Burela continúa sen Banda de Música dous anos depois da súa desaparición.

Os nacionalista tamén se mostraron moi críticos co papel desenvolvido polo PSOE en relación á Banda Municipal de Música, pois a praza que quedara vancante na dirección da Banda Municipal tras a renuncia do antigo director foi amortizada, mentres se continúa contratando profesorado novo todos os anos. “Levamos dous anos sen as tradicionais actuacións da banda e por segundo ano consecutivo a Banda de Música tampouco participou nas festas de Burela. Despois dos 4 “anos escuros” do goberno do PP, agora temos que padecer o “bienio negro” do PSOE. O Sr. Díaz e o Sr. Llano teñen o triste mérito de teren asinado a acta de defunción da Banda Municipal de Música, deixando un importante baleiro cultural na nosa vila, pois aínda que lles pareza mentira, non só de tributos vive a cultura de Burela”, concluíu Pillado.

Exit mobile version