Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide no parlamento a creación do servizo de fisioterapia no centro de saúde de Burela

IMG_2884A Mariña, 1 de xullo de 2017. A parlamentaria nacionalista, Olalla Rodil, acompañada polos concelleiros do BNG en Burela, Mario Pillado e Dori González, ademáis doutros cargos do BNG, compareceu esta mañá para explicar a iniciativa que a formación frontista vén de rexistrar no Parlamento demandando a posta en marcha do servizo de fisioterapia no Centro de Saúde burelao.

A formación nacionalista afirma que “as veciñas e veciños de Burela e Cervo non poden acceder a sesións de fisioterapia, posto que non poden acudir a outros centros de saúde nos que si existe eses servizo, xa que non están asignados a eses centros.” Ademais, desde o BNG insisten en que “o problema non é menor, xa que en moitos tratamentos que receita o persoal médico de atención primaria ou o servizo de traumatoloxía do Hospital se prescribe a fisioterapia”, explicou o Portavoz municipal en Burela, Mario Pillado. “Pero é que ademais, o servizo de rehabilitación no Hospital está a funcionar moi mal pola longuísima lista de agarda que hai en moitos casos, polo que moitos doentes son derivados polos médicos de atención primaria aos especialistas de fisioterapia nos centros de saúde. Por iso en Burela e Cervo aínda é máis preocupante, porque a deficiente prestación da rehabilitación hospitalaria tampouco se suple ou se ve compensada cun especialista en fisioterapia no Centro de Saúde”, afirman.
O servizo existente en centros de saúde e Hospital tampouco funciona correctamente.

Olalla Rodil asegurou, ademais, que o servizo de fisioterapia que se presta tanto nos centros de saúde nos que está implantado como no Hospital da Costa, “dista moito de ser adecuado ás necesidades das persoas usuarias na Mariña.”

Como exemplo, aseguran que o servizo de fisioterapia respiratoria en atención temperá non se está prestando no Hospital de Burela, de xeito que as nenas e nenos que o precisan son derivados ao HULA, onde existe unha importante sobrecarga de traballo; impedindo ademais que a fisioterapia psicomotora e a respiratoria que adoitan prescribirse conxuntamente, sexan prestadas ao mesmo tempo. Desde a formación frontista aseguran que “só é precisa vontade e decisión por parte da Xerencia do Hospital para formar ao persoal que agora mesmo presta o servizo de fisioterapia psicomotora e poder recibir no Hospital da Costa unha atención fisioterapeútica integral”.

No mesmo sentido se manifestan a respecto da terapia ocupacional no servizo de Fisioterapia do Hospital, que funciona na maioría dos hospitais e que no servizo de rehabilitación do Hospital da Costa non existe.

A responsábel comarcal, Ana Ermida, tamén manifestou que “os servizos existentes nos centros de saúde de Viveiro, Foz e Ribadeo están infrautilizados, mentres se derivan pacientes a centros privados.” Así, en Ribadeo e Viveiro, con capacidade para ter quendas en mañá e tarde, só existen turnos de mañá e no centro de Foz, a onde acoden doentes de Foz e Mondoñedo pola maña e pola tarde, respectivamente, tamén se podería habilitar outra praza para ambas localidades.

Desde o BNG acusan ao Partido Popular de seguir vendendo fume con respecto á sanidade, “ocúpanse de cambiar o nome do Hospital, pero seguen deixando servizos sen atender e mantendo outros con menos medios dos que serían necesarios; todo isto en beneficio de clínicas privadas que reciben un duplo beneficio en detrimento da sanidade pública”.

Ana Ermida pídelle ao deputado popular Daniel Vega que “cando sexan tratadas estas iniciativas en sede parlamentaria pense na comarca pola que saiu elixido en lugar de pensar nas siglas e amose a valentía de apoiar o que é xusto e necesario para a sanidade na comarca” e “que se deixe de facer de altofalante inútil da propaganda dun PP que, de momento, nada fixo por mellorar a asistencia sanitaria en xeral ou en reducir as listas de espera, sen ir máis lonxe”.

Exit mobile version