Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG solicita que o alcalde explique a súa actuación na marcha de Frutas Morriña

Foz, 27 de xullo de 2017. O Bloque Nacionalista Galego formulará na sesión plenaria de hoxe xoves unha serie de preguntas ao alcalde de Foz a fin de que aclare a actuación da equipa de goberno que provocou a marcha do Concello de Foz da empresa “Frutas Morriña” así como as razóns que o levaron a facer públicas unhas desafortunadas declaracións ao respecto. As concelleiras nacionalistas Lorena Seivane e Teresa Rego sinalaron que “ non é unha cuestión menor que unha empresa co número de empregos que xera Morriña, con máis de 20 traballadores, e co seu nivel de facturación, supera os 3 millóns de euros, co fai aparecer entre as empresas da localidade que achegan tributos municipais en concepto de IAE, abandone este Concello e por parte do goberno local non haxa vontade da que a mesma fique a localidade como era a vontade dos seus propietarios”.

As concelleiras nacionalistas indican que “a espera das aclaracións que agardemos que o ofreza o alcalde de Foz no pleno de hoxe, resulta evidente que a xestión deste problema deixa en evidencia a incapacidade de xestión da equipa de goberno así como as súas prioridades políticas. Nos temos claro que unha cuestión central na acción de goberno e favorecer a creación e o mantemento de emprego polo que non é de recibo que o alcalde de Foz resolva como unha simple cuestión administrativa este tema, acudindo exclusivamente a argumentos de tipo burocrático. Independentemente da clasificación urbanística do terreo que ocupaba a nave de Morriña, o Concello de Foz conta con instrumentos legais para darlle solucións a esta cuestión, aínda máis no momento en que o planeamento se atopa en fase de tramitación, o que non obriga a unha modificación puntual do mesmo”.

Lorena Seivane e Teresa Rego consideran que “esta actuación da equipa de goberno evidencia tres problemas máis de fondo que desde o grupo vimos denunciando en repetidas ocasións. A primeira delas que o alcalde de Foz é incapaz de darlle solucións aos problemas reais da xente, aínda máis cando esta se atopa cun problema a xestión do goberno local agrándao, facendo da suposta solución outro problema engadido. En segundo lugar exemplifica o polvorín urbanístico en que a xestión do PSOE e do PP ten convertido Foz, cuestión que o PXOM actualmente en tramitación vai aínda agravar máis. Neste sentido hai que sinalar que o novo PXOM deixa fora de ordenación boa parte do barrio de Forxan, polo que no caso de sucesos como o de Morriña a situación volverase a repetir na medida en que abre a porta a discrecionalidade. E xa por último as diversas solucións dadas a situacións homologas, o que deixa claro as diversas varas de medir á hora de darlle solucións a diferentes problemáticas”.

O Bloque Nacionalista Galego entende que as declaracións do alcalde de Foz diante do incendio que sufriu esta empresa e particularmente diante das explicacións achegadas pola mesma para aclarar as razóns da súa marcha de Foz son absolutamente desafortunadas e demostran unha absoluta falta de sensibilidade fronte aos problemas e o sufrimento da xente. Segundo Lorena Seivane e Teresa Rego “as máis elementais normas de convivencia aconsellan na actuación dun particular ou dunha administración pública diante dunha traxedia como foi o incendio que arrasou coa nave desta empresa que leva preto de 30 anos en Foz, o apoio sen fisuras e a solidariedade clara. O alcalde, pola contra, falta ao respecto e insulta a unha xente traballadora que ven de perder o seu medio de vida e que tenta recuperar a actividade en beneficio deles, pero tamén dos seus traballadores e do conxunto da sociedade. Non é tolerábel esa soberbia nin esa insensibilidade diante da dor allea”.

Exit mobile version