Site icon Crónica3.com A Mariña

O BOP anuncia a licitación das obras na travesía Francisco Iglesias de Ribadeo que contarán cun orzamento de 120.000 euros. As empresas dispoñen de 13 días para presentar as súas ofertas

Ribadeo, 20 de xullo de 2017. O BOP publica hoxe o anuncio de licitación para as obras de reposición e pavimentación na travesía Francisco Iglesias, no Xardín. O orzamento ascende a 120.000 euros, dos que 80.000 son aportados polo Concello e 40.000 pola Xunta. As empresas dispoñen de 13 días para presentar as súas ofertas. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, subliña que se trata dunhas obras moi necesarias para esa zona de Ribadeo.
O rexedor contou que “no Boletín Oficial da Provincia de hoxe ven este anuncio que facemos desde o Concello de Ribadeo para a licitación dunhas importantes obras de reposición e de pavimentación na travesía Francisco Iglesias, no barrio do Xardín. É unha zona moi concorrida, dado que está a Escola Oficial de Idiomas que recibe ao longo de todo o curso escolar a moita xente de Ribadeo e de fora de Ribadeo. Logo tamén o que ten que ver co entorno destas vivendas Francisco Iglesias, que se chaman comunmente as casas baratas, que ten un abandono secular practicamente. Non se tocou a ese entorno desde hai moitos decenios, as beirarrúas están deterioradas e afundidas e a día de hoxe se dá unha circunstancia de non haber unha diferenciación entre o lugar por onde teñen que ir os peóns e por onde teñen que ir os vehículos”.
Fernando Suárez anunciou que “imos amañar integralmente todo este entorno. Imos facer novas beirarrúas máis anchas para que os peóns poidan circular comodamente e adaptalas á normativa. Imos tamén aglomerar novamente o vieiro, e darlle unha accesibilidade e humanización ao entorno que o merece. Imos colocar novos bancos, reforzar as redes de saneamento, as canalizacións existentes de saneamento e de electricidade de baixa tensión. En definitiva imos facer desta zona esquecida desde hai moitos anos, pero moi concorrida tamén desde hai moitos anos, unha zona agradable”.
O alcalde ribadense explicou que “fixemos un proxecto que nos custa 120.000 euros, dos cales 40.000, que a verdade que non é moito, vai sufragar a Xunta de Galicia, e o resto, a parte máis importante, 80.000 euros, os sufragará o Concello con fondos propios. Para isto temos que facer unha contratación por trámite de urxencia, debido a que aínda a semana pasada nos comunicaron da Xunta que nos ían financiar estes escasos 40.000 euros, e o prazo para a execución é moi reducido. Polo que a partir do día de hoxe todas as empresas ou profesionais acreditados que queiran participar neste procedemento de licitación terán 13 días para presentar as súas ofertas, sendo os criterios de adxudicación o menor prezo deste proxecto”.
Fernando Suárez engadiu que “dentro de pouco tempo veremos obras en todo ese entorno e confiemos en que para cando empece a Escola Oficial de Idiomas a funcionar, as obras estean ou ben rematadas ou practicamente rematadas”.

Exit mobile version