En concreto, este plan de renovación estase a desenvolver en primeiro lugar no casco urbano para de xeito progresivo actuar en todos os puntos afectados, tanto do centro como das zonas rurais e que, deste xeito, se proceda a substitución de todos os contedores deteriorados e se acometa unha mellora integral dos cubos de lixo.
Dun xeito máis preciso, dende o Goberno local explican que este plan de renovación inclúe tanto a substitución dos contedores deteriorados, para o que se dispón de 100 contedores novos verdes e doutros 50 amarelos; como a limpeza dos que se atopan nun mellor estado de conservación e, polo tanto, reúnen as condicións para prestar o servizo de almacenaxe de residuos en condicións.
A substitución dos contedores responde a un compromiso acadado coa adxudicataria, a empresa Servizos dos Concellos Galegos S.L.U., tras a externalización do servizo, que tivo moi boa acollida polo Goberno local ao implicar non só unha mellora no uso dos contedores, senón que tamén afectará de xeito moi positivo á estética da cidade.