Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación contribúe con 30.000 euros á celebración de 6 eventos na provincia esta fin de semana

Lugo, 21 de xullo de 2017. O Goberno da Deputación contribúe con 30.000 euros á celebración de 6 eventos ao longo da fin de semana. Faino no marco do Plan Estratéxico de Turismo, apostando pola celebración de festividades, eventos culturais ou deportivos, cos que ofrecer unha variada oferta turística.

I Festival Internacional de Blues
Hoxe mesmo arranca a programación do I Festival Internacional de Blues, organizado en colaboración co Concello de Lugo, e que terá lugar na capital lucense. A partires das 22:00 horas, terán lugar na praza de soidade, os 3 concertos: Shirley Davis & The Silverbacks; The Lachy Doley Group e Guadalupe Plata. Mañá sábado, tamén a partires das 22:00 horas, será o turno de Fred Wesley Generations; Ash Grunwald e dos galegos The Soul jacket.

O Festival Internacional de Blues compleméntase cunha masterclass gratuíta, o 23 de xullo ás 12:30 horas, impartida polo artista australiano Ash Grunwald, nos xardíns do Museo Provincial de Lugo. Acompañado da súa guitarra, Ash mostrará as técnicas de composición e slide guitar aprendidas durante os seus 12 anos de carreira musical. Un achegamento práctico no que o australiano compartirá cos participantes as súas fontes de inspiración

8º Encontro Internacional Tangoliber 2017
Tamén hoxe terán lugar parte das actividades incluídas dentro do 8º Encontro Internacional Tangoliber 2017, na cidade de Lugo, e que está organizado polo Goberno da Deputación en colaboración co Concello. As actividades e exhibicións arrancarán hoxe dende as 16:00 ás 23:00 horas; na Capela de Santa María, no Gran Hotel de Lugo e no Círculo das Artes. O sábado, os seminarios arrancarán as 11:30 horas, no Gran Hotel, e que se complementan con outras actividades ata as 23:00 hora, cunha milonga no Círculo das Artes. O domingo, haberá sesión de baile dende as 12:00 ás 14:00 horas, na praza maior da cidade, coa que se dará por finalizado este oitavo encontro

XII Criterium Aeronáutico
O XII Criterium Aeronáutico 2017, que organiza o Real Aeroclub de Lugo, dará comezo hoxe e prolongarase ata o vindeiro martes, 25 de xullo, no aeródromo de Rozas. O Goberno da Deputación é o principal patrocinador desta cita deportiva cunha achega económica de 10.000 euros. O evento coincidirá ademais coa XXXIV Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense.

O Criterium Aeronáutico é unha cita deportiva consolidada no panorama nacional, na que se darán cita en Rozas máis de 150 aeronaves. A XII edición do Criterium Aeronáutico conta cunha ampla programación de actividades dirixidas a todas as idades. Haberá voos acrobáticos, saltos en paracaídas, carreiras de drones, voos en globo aerostático, exhibicións e demostracións de pilotos profesionais. Ademais, durante os cinco días que dura o evento deportivo, organizan exposicións de aeronaves e motos clásicas, así como sorteos de voos gratuítos.

VI Descenso Urbano da Vila de Sarria
Durante a fin de semana Sarria acollerá o VI Descenso Urbano da Vila, co que colabora o organismo provincial con 6.000 euros, converténdose no principal patrocinador da cita. Trátase dun evento deportivo xa consolidado no panorama galego, no que participarán uns 200 corredores.

Este sábado, os ciclistas participantes na proba poderán entrenar sobre un circuíto que transcorre dende o punto máis alto da vila, o Campo da Feira, ata a illa do Paseo do Malecón. O domingo continuarán os adestramentos durante a maña e, á tarde, terá lugar a carreira. A primeira ás 16:00 horas; e a segunda ás 17:30 horas.

V Travesía a nado Minius 2017
Xa o domingo, no entorno dos Robles, na capital luguesa disputarase a V Travesía a Nado do Miño Cidade de Lugo. Esta proba, organizada polo Concello e o Club Portamiñá, conta coa colaboración do Goberno da Deputación. A proba arrincará ás 11:00 horas coa saída da travesía popular, sen carácter competitivo, baixo unha distancia de 400 metros. Ás 11:30 horas sairán as persoas participantes da distancia de 1.500 metros, deixando para as 12:30 horas a proba raíña, a denominada, pola organización, Minius, cunha distancia de 4000 metros. O número total de inscritos supera xa os 200, sendo esta unha cifra récord na historia desta travesía enmarcada dentro do circuíto galego de augas abertas.

Festa da Torta de Millo
O domingo, en Guitiriz terá lugar a Festa da Torta de Millo, coa que tamén colabora o organismo provincial cunha achega de 6.000 euros. A cita contará cun concurso de tortas de millo caseiras, unha demostración de postres elaborados a base de fariña de millo, xantar ao aire libre, xogos populares, talleres de artesanía e diferentes actuacións musicais. Os actos arrincarán xa este sábado, cunha charla e unha observación astronómica. Así, mañá ás 20.00 horas na Casa Habanera haberá un relatorio sobre contaminación lumínica, e inaugurarase unha exposición sobre este tema. A continuación, terá lugar unha observación no Campo da Feira.

Festival Tradicional Seráns Musicais
Finalmente, o domingo en Ribadeo terá lugar o I Festival Tradicional de Ribadeo Seráns Musicais, que organiza a Asociación Cultural Ronqueta no parque de San Francisco, de dito municipio. O Goberno da Deputación financia integramente con 8.000 euros este certame musical. A programación desta primeira edición do Festival Tradicional de Ribadeo Seráns Musicais contará con pasarrúas por distintos puntos do Concellos de Ribadeo, ata chegar ao parque de San Francisco, onde dará comezo as actuacións musicais da Asociación Amigos da Gaita, A.F. O Arco da Vella, Banda de Gaitas de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, Grupo de Gaitas da EMMeD.

Exit mobile version