Campos e García, acompañado polo Deputado do Goberno Provincial pola Terra Chá, Eduardo Vidal Baamonde, explicaron que os traballos que executa o Executivo Provincial realízanse nun treito de 3 quilómetros, dende o 10,200 ao 13,200. Estes consisten na limpeza de cunetas, no aglomerado en quente do firme e no incremento da sinalización. Con estas actuacións, o Goberno da Deputación cumpre “con feitos” a palabra dada aos veciños da zona, que solicitaban o arranxo desta vía.
O Presidente e o Alcalde remarcaron a importancia da mellora desta estrada, que empregan a cotío, cando menos, veciños de Xermade e Vilalba, así como centos de cidadáns do interior da Terra Chá para coller a A-6. “Podería ser tamén un enlace desta zona chairega coa Mariña se o Goberno galego cumprise coa peticións veciñais e arranxase a estrada de Cabreiros a Momán, que é de titularidade da Xunta de Galicia”.
“Dobre xogo”
“O acontecido nesta vía é un claro exemplo do dobre xogo do PP, pois no Concello de Xermade e na Deputación de Lugo, onde son oposición, aseguran que apoian o arranxo desta estrada, sen embargo na Xunta de Galicia, onde gobernan, néganse a investir na súa mellora. O Partido Popular tenta enganar aos veciños, facendo ver que non son do mesmo partido o equipo nas institucións, rexeitándose a eles mesmos”, apuntou Campos Conde.