García Porto destacou que “colaboramos con esta cita cultural e musical para dinamizar e dar a coñecer un Concello como o de Ourol, con pouca poboación e moi envellecida, ao tempo que impulsamos a economía e o turismo neste municipio da Mariña, pois durante as dúas xornadas reuniranse máis de 500 persoas. Ademais, dende o Executivo Provincial, queremos consolidar este festival galego que promociona e poñer en valor o traballo dos nosos grupos e a música popular galega.”
Pajón Camba convidou a todos os veciños da provincia a achegarse ao Concello de Ourol durante a celebración do festival para “poder desfrutar dos produtos extraordinarios e de calidade que ofrece o noso municipio, ao mesmo tempo que coñecen un enclave turístico de primeiro nivel, como é a Igrexa parroquial de Santiago de Bravos”.
Sabela Ramil tamén convidou aos visitantes a achegarse a este Festival. “É un encontro para todo tipo de público, interxeracional, non temos limite de idade, ademais de ser un espazo non só para a música, senón para recuperar tradicións como xogos populares, e moitas outras actividades”.
A VI edición do Festival Auturuxo comezará o día 28 de xullo cunha cea popular e unha foliada aberta ao público. A xornada do sábado arrancará ás 13:30 horas coa sesión vermú e a actuación musical a cargo da A.C.M. Arume de Burela. A partir das 17:00 horas, haberá animación nas rúas e xogos populares dirixidos a todas as idades. Ás 21:30 horas comezará o propio festival musical, cos concertos dos grupos A Compañía do Ruido, Pan de Capazo, Trapallada e Böj, que foi o gañador do certame runas na edición pasada do Mundo Celta de Ortigueira. Haberá habilitada unha zona de acampada gratuíta ao carón da Igrexa parroquial de Santiago de Bravos.