O organismo provincial colabora un ano máis coa Comunidade de Montes Veciñais de Santo Estevo de Parga, cunha achega de 3.000 euros para a organización deste evento, co que pon en valor a gastronomía e os oficios tradicionais lucenses, ademais de dinamizar a economía do Concello e promover o turismo, posto que a Feira reunirá a un importante número de persoas.
Santos Ramos subliñou que se trata “dun evento moi arraigado no Concello de Guitiriz pola importancia da cantería nesta zona, celebrándose un certame no que participarán unha vintena de profesionais deste sector chegados de toda a xeografía galega, e vendéndose de media máis de 1.000 racións de callos ao longo da xornada”.
O Deputado de Relacións Institucionais engadiu que “ademais da achega que realizamos á Comunidade de Montes de Parga, colaboramos a través do CENTRAD cunha demostración de olería a cargo de Inmaculada Díaz Cabarco, enmarcada no Programa de Promoción da Artesanía”.
Pola súa parte, Regina Polín agradeceu o compromiso do Executivo Provincial con esta festividade pois “dende o ano 2007 vén colaborando en cada nova edición, facendo posible a súa celebración, e podo anunciar que trataremos de que a Feira sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego”. A Alcaldesa de Guitiriz engadiu que “como novidade nesta anualidade contaremos con probas ecuestres de andadura federadas e libres durante toda a xornada”.
Exhibicións e degustación
Durante o día poderase ver como traballan artesáns da pedra, da madeira e de tear, con demostracións de artesanía en directo, e degustar un prato un prato cun forte arraigo na zona, como son os callos, por tratarse dun alimento típico nas antigas feiras das mulas. Os organizadores ofertarán unhas 1.000 racións de callos.
Ao longo da xornada tamén haberá visitas guiadas pola Ruta da Auga (mínimo grupo 10 persoas); visita aos Muíños de Auga de Parga e Ferreira; ruta guiada en Bicicleta ata as Canteiras (cada participante debe traer a súa bicicleta e casco); e actividades infantís no CIT, como xogos populares, talleres de pintura, etcétera.
Programa
8:15 horas. Chegada dos Canteiros e elección das pedras.
8:30 horas. Lanzamento de bombas e comezo do XX Concurso de Cantería.
10:00 horas. Apertura da Feira de Artesanía.
11:00 horas. Pasarrúas a cargo de Os Gaiteiros de Goián e da Charanga CDV-BAND.
11:00 a 13:00 horas. Probas ecuestres de andadura federadas e libres.
13:30 horas. Pregón a cargo de Enrique Velasco (director da Escola de Cantería de Poio) na Praza do Campo da Feira.
13:30 horas. Comezo da venda dos Calos na Carballeira.
14:00 horas. Peche do Certame de Cantería.
14:15 horas. Fallo do xurado.
16:00 a 19:00 horas. Xogos populares no CIT
16:30 horas. Entrega de premios do Concurso de Cantería e do concurso de carteis.
17:00 a 19:00 horas. Probas ecuestres de andadura federadas e libres.
19:00 horas. Peche da mostra de artesanía.
20:00 horas. Entrega de Premios das probas ecuestres de andadura federadas e libres.