Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo do PP pide en Pleno a elaboración dun Plan Provincial de Estradas de carácter plurianual cunha dotación próxima aos 45 millóns de euros

Lugo, 20 de xullo de 2017.- O Grupo Provincial do PP pide ao Goberno da Deputación que preside o socialista Darío Campos que elabore unha proposta dun Plan Provincial de Estradas de carácter plurianual (2017-2019) cunha dotación a estudar que debera aproximarse ata o ano 2019 aos 45 millóns de euros, é dicir, este plan implicaría unha dispoñibilidade orzamentaria de 15 millóns de euros por ano.

Na súa moción, que se debaterá no pleno do próximo martes, os populares defenden a urxencia na elaboración desta proposta para a súa posterior elevación ao Pleno. Neste senso, dende o Grupo Popular piden de novo que con carácter previo á elevación ao Pleno do dito plan se constitúa e se convoque, “á maior brevidade posible, a comisión para a elaboración deste Plan Provincial de Estradas”. Existe unha acordo plenario de setembro de 2016, acadado a proposta do Grupo Popular, para que se constitúa a Comisión encargada de elaborar o Plan Provincial de Estradas e que a día de hoxe non foi atendido polo Goberno de Darío Campos.

Proceso
No que respecta ao borrador da proposta para a súa elevación a Pleno, os populares piden que se inclúan polo menos unha descrición e análise da situación actual da rede de estradas de titularidade provincial; a definición dos criterios e procedementos para a valoración do cumprimento dos obxectivos incluídos no plan; unha relación das actuacións previstas incluíndo unha descrición coa especificación suficiente das súas respectivas características e coa contía económica que se dedicará a cada unha delas; un programa temporal das actuacións que incluirá a orde de prioridade e o cronograma das mesmas, así como o estudio económico e financeiro que incluirá a identificación, determinación e programación dos recursos económicos e financeiros necesarios para a execución das actuacións previstas no plan.

Dun xeito máis preciso, os populares explican que consideran necesario que, dentro do mesmo plan, se realice en primeiro lugar un estudo inicial para analizar cal é o estado de todas e cada unha das estradas que conforman a rede provincial, estudando non solo o estado do firme, senón a problemática que ten cada vía. En segundo lugar, estiman que resulta imprescindible valorar e resolver as carencias detectadas na rede e establecer un programa de execución previamente fixado e desenvolvelo nun prazo concreto de tempo para asegurar o correcto acceso por estrada a todos os municipios da provincia e aos núcleos de poboación, mellorando deste xeito o equilibrio territorial dentro da nosa provincia. E, en terceiro lugar, consideran que o plan debe acompañarse dun plan económico e financeiro plurianual que asegure o cumprimento inescusable da totalidade do plan de estradas.

Necesidade e importancia do plan
Os populares defenden que este plan “aseguraría o acceso a todos os municipios da provincia, melloraría a seguridade viaria dos condutores, e facilitaría a comunicación entre os diferentes municipios e comarcas, ao tempo que permitiría racionalizar dunha forma máis coherente as inversións en estradas”.

Por iso dende o Grupo Popular entenden que “é urxente e necesario a redacción dun plan de estradas da provincia de Lugo que se configure como un instrumento de planificación plurianual das actuacións en materia de estradas provinciais que poida perdurar no tempo, coa finalidade de evitar o cortopracismo neste ámbito de actuación que está a provocar que determinadas estradas da rede provincial non se atopen no estado adecuado”, ademais de que se está a falar da rede provincial de estradas provincial “máis extensa de España, conta con máis de 4.000 quilómetros”.

Por último con este plan, dende o Grupo provincial Popular, pretenden “que se arranxe de xeito progresivo o deterioro dalgunhas estradas de titularidade provincial e manter constante no tempo os investimentos en todas as vías, sen ter en conta a cor política dos Gobernos locais, como ten acontecido co PSOE, para dar seguridade aos municipios e evitar que o mal estado destas infraestruturas prexudique o desenvolvemento e a economía provincial”.

Exit mobile version