Site icon Crónica3.com A Mariña

O plan normativo e o inventario municipal son algúns dos asuntos que se someterán a aprobación no pleno ordinario de Burela do vindeiro xoves, 27 de xullo

Burela, 21 de xullo de 2017. No pleno ordinario do Concello, que se celebrará o 27 de xullo, someterase a aprobación inicial o inventario municipal realizado ao longo dos últimos meses. Nesa sesión tamén se presentará o plan normativo municipal.
O alcalde, Alfredo Llano, contou que “corresponde facer un pleno ordinario o 27 de xullo e entre outros temas que imos aprobar, plantéxanse dous que me parece que son interesantes para atender o mellor posible e con transparencia aos veciños de Burela. Levamos a aprobación inicial o inventario municipal, xa que pensamos que era unha obriga grande para determinar e saber a ciencia certa canto capital e patrimonio ten o noso concello. Tamén é unha motivación para ser transparentes cos nosos veciños, para que todo o mundo saiba o que hai. Polo tanto fixemos isto que leva o seu tempo, pero por fin está rematado e queremos facelo público”.
O rexedor burelés salientou que “para facer o inventario se mirou todo o que é propiedade do Concello tanto en inmobles como en dereitos reais, vehículos, valores mobiliarios, dotacións e todo aquilo que corresponde meter no inventario e que forme parte do patrimonio do noso concello. A suma total é de 15.700.000 euros aproximadamente. É unha cifra agora mesmo valorada e actualizada, polo tanto se corresponde co valor real que temos nestes momentos. Parécenos unha cantidade importante, que é de todos os veciños de Burela e polo tanto nos parece de recibo facer esta información”.
Llano explicou que “outro punto que imos aprobar inicialmente é o plan normativo municipal. Este plan recolle unha serie de normas e procedementos para aplicar en todo aquilo que se fai no Concello. Agora é obrigatorio porque recolle o que hai que facer con respecto á normativa aplicada a nivel estatal, autonómico e local. Esta normativa vai afectar a asuntos como comunicacións previas, protección de medio ambiente, abastecemento de auga e todo aquilo que precise dun regulamento para poder ser aplicado”.

Exit mobile version