Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP salienta a concesión por parte da xunta dun obradoiro de emprego para o Concello de Ribadeo cun investimento de 140.000 euros

Ribadeo, 26 de xullo de 2017. O grupo municipal do Partido Popular en Ribadeo destaca que a Xunta de Galicia lle concedeu ao Concello ribadense un obradoiro de emprego para 15 persoas durante nove meses cun investimento de 140.000 euros. O portavoz do PP, Jesús López Penabad, salienta ademais que a Xunta tamén fai unha achega de 40.000 euros para obras de mellora na rúa Ibáñez.
Jesús López Penabad manifesta que “desde o Partido Popular, en resposta ao vitimismo que o alcalde leva de continuo contra a Xunta de Galicia, cabe destacar que a Xunta concedeu un obradoiro de emprego para Ribadeo. Todos os demais que se fan na Mariña son mancomunados, pero este en concreto é para Ribadeo só. Este obradoiro dá continuidade ao do ano pasado, no que estiveran 18 alumnos, e agora mesmo é para 15 persoas e nove meses. Son quince postos de traballo que vai haber en Ribadeo durante nove meses, que creo que é moi interesante para os ribadenses”.
O portavoz dos populares salienta ademais que “aumentouse de seis a nove meses e pódese seguir facendo un labor que creo que foi moi bo a que se realizou o ano pasado en temas de arquivos, recompilar información e dixitalizala para que quede a disposición de todos”.
López Penabad tamén anunciou que ademais “para a rúa Ibáñez hai unha achega da Xunta doutros 40.000 euros”.
Para Jesús López Penabad “se isto é non dar nada ou non pensar en Ribadeo, creo que iso só o cre o alcalde. Son 180.000 euros que aparecen nunha mesma semana, o que é unha contía considerable para o funcionamento e o movemento de Ribadeo”.
O portavoz popular cre que “o obradoiro é unha gran noticia para Ribadeo e para os ribadenses, pois 15 persoas poderán estar durante nove meses traballando e axudando a recuperar esa documentación que existe no Concello”.
Jesús López Penabad aconséllalle ao alcalde que “deixe de queixarse tanto e que agradeza cando veñen as cousas. O obradoiro é o segundo ano consecutivo e ademais para Ribadeo só. Creo que é de ben nacidos ser agradecidos”.

Exit mobile version