Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdG denuncia que a Xunta paraliza a protección dos xacementos arqueolóxicos de San Xoán Vello e a Cova da Doncela de Viveiro

Santiago de Compostela, 06 de xullo de 17. A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, criticou hoxe o “desleixo” do goberno galego á hora de activar a protección dos xacementos arqueolóxicos de San Xoán Vello e a cova da Doncela de Viveiro. No debate dunha pregunta en Comisión parlamentaria, constatou que a Xunta “leva ano e medio deliberando sobre qué medidas vai tomar” para protexer estes bens.

Burgo censurou que a intención indisimulada da Xunta sexa “descargar no máis débil, responsabilizando ao Concello da catalogación e documentación dos bens para decidir a continuación se continúan adiando a súa protección”. Criticou a falla de interese da Xunta polo patrimonio cultural galego, como constata a redución do 80 por cento no orzamento de Patrimonio, que “deriva na desprotección dos nosos bens histórico-artísticos”.

“Non é de recibo –concluíu- que o patrimonio cultural galego estea a este nivel de desprotección” e alertou da “alta vulnerabilidade” destas obras fronte ás condicións climáticas e ás intervencións vandálicas. Advirte que tanto a cova da Doncela como San Xoán Vello “teñen os elementos para ser xacementos arqueolóxicos e polo tanto ser protexidos, analizados e investigados para evitar un maior deterioro e poñelos en valor”.

Sinala que foi a Asociación Mariña Patrimonio a que deu a voz de alarma sobre San Xoán Vello dende 2016, cando “denunciou a actividade de posibles espoliadores que estaban a escavar na antiga igrexa rupestre, un espolio que continuou nos meses seguintes sen que a dirección xeral de Patrimonio fixera nada ao respecto”.

O mesmo sucede, dixo, coa cova da Doncela ou Forno dos Mouros, que a citada asociación solicitou que se incluíra no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos, ao que Patrimonio negouse en 2016 baseándose en que na zona había explotacións mineiras de ferro contemporáneas. Pero Mariña Patrimonio “ten informes xeolóxicos que indican que na zona non hai ferro e a cova ten claros indicios de que alí houbo unha explotación mineira antiga”.

Exit mobile version