Santiago de Compostela, 06 de xullo de 17. O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, alertou hoxe da convocatoria “tarde e insuficiente” do decreto de axudas da Consellería de Emprego para a contratación de socorristas nas praias galegas. Esta decisión deixa desabastecidos deste servizo a boa parte dos areais galegos, o que pon en perigo a calidade dun recurso turístico fundamental no verán.
As axudas, dixo, resultan insuficientes para cubrir os dous socorristas de forma continuada durante todo o horario de baño estimado como mínimo para as 113 praias con bandeira azul dos 38 concellos que contan con esta distinción, “por non falar do resto dos areais”. A Xunta tan só cubre ademais dous meses, deixando setembro sen vixilancia, e tampouco chega para subvencionar aos patróns das embarcacións de salvamento.
Díaz Villoslada alertou de que os concellos teñen que recorrer a fondos propios “os que poden permitilo”, ou teñen que ser apoiados de forma subsidiaria por outras administracións, como a Deputación de A Coruña, que se encargou de formar a 45 socorristas para os concellos da provincia.
A situación actual leva a que moitos concellos teñen que pensarse renunciar ás bandeiras azuis porque simplemente non poden pagar aos socorristas pola carencia de fondos propios, a insuficiencia das partidas da Xunta e a competencia cos concellos limítrofes, que ofrecen condicións diferentes para estas contratacións.
É o caso de Barreiros, que xa non ten ningunha das nove bandeiras coas que chegou a contar, e que só ten 13 prazas de socorrista das 31 que tivo en ocasións anteriores, ademais da deficiente depuración de augas. É o caso tamén de Ribadeo e Burela, de Sada, que só ten dúas prazas cando necesita un mínimo de cinco, ou dos concellos do Val Miñor, que piden 27 e só teñen 20 dunha convocatoria que exclúe aos patróns de embarcación.
Plan Único
O parlamentario socialista urxe ao goberno galego a poñer en marcha, de cara ao próximo ano, dun Plan de Cooperación Integral que coordine ás consellerías de Presidencia e Economía e Emprego coa Axencia Galega de Turismo en colaboración coa Fegamp e á imaxe da convocatoria unitaria de policía local.
Esta iniciativa permitiría “normalizar e estabilizar o servizo de socorrismo nas praias galegas”, con condicións laborais únicas e decentes para os profesionais contratados, e fixando ademais as prazas necesarias para cada areal.