Site icon Crónica3.com A Mariña

Ramón Eiras fala sobre as peculiaridades do galego de Foz

Foz 31-7-17. O Martes 1 de Agosto ás 20:30 h na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz, celebrase a segunda das conferencias Xornadas de Historia Local, organizadas pola Asociación A Pomba do Arco, cunha palestra titulada “Así falan os focegos” que correrá a cargo do historiador Ramón Eiras Fernández.

A conferencia de Ramón Eiras tenta ser un estudo das xentes de Foz a través da lingua, significando aquelas palabras, expresións, xentilicios ou topónimos que singularizan aos focegos dentro do noso sistema lingüístico galego. Este traballo é o resultado dunha investigación iniciado a mediados dos anos 80 e no que o relator estuda máis de 1000 palabras, preto do 200 expresións, outros tantos topónimos e arredor de 500 motes ou xentilicios polos que son coñecidas as familias de Foz. Eiras “sinalou o grande entusiasmo e apoio que recibiu das persoas que colaboraron con el neste traballo” destacando “os prestamos lingüísticos que recibimos tanto da emigración como das áreas onde os nosos maiores desenvolveron a súa actividade económica. Entre os primeiros signifícanse palabras como “atorrante ou mucama” sendo moi importantes os prestamos que recibimos de Euskadi, pesquería tradicional dos nosos mariñeiros” e de onde chegaron palabras como “chiquito”.

Os nomes de co que tradicionalmente son coñecidas as familias focegas, segundo Eiras “teñen procedencias diversas e refírenos aos animais, os peixes ou ás arbores, destacándose aos primeiros. Tamén dan conta dos destinos migratorios dalgúns membros da familia, así contamos co “Cubano”, “Habana” ou “O Francés” sendo tamén numerosos que dan conta das profesións dalgúns dos seus antepasados, mesmo lembrando a profesións xa desaparecidas como “Os Canteiros” ou os “da saiñeira” referido a produción do sain, unha grasa que se extraía dos peixes e que era utilizado como combustíbel para prender os facho. Outro tanto acontece cos topónimos que nos informa sobre actividades que se desenvolvían nesas ubicacións xeográficas como acontece coa “Punta do Almacén”, por atoparse sobre ela o vello almacén do “Gremio do Mar de Foz” ou a Punta do Carbón”, lugar onde as embarcacións focegas cargaban deste mineral para saír ao mar ”

As xornadas terán continuidade mércores 2 de agosto, tamén na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz e no mesmo horario, as 20:30, cunha conferencia que leva por título “Mariñáns nas Cortes do século XIX” e nos que autor fará un percorrido por algúns daqueles políticos máis significados que representaron os diferentes partidos xudiciais da Mariña desde o reinado de Isabel II até as Cortes da I Restauración Borbónica. Ao tempo que se lembran a estas persoas, algunhas das cales xa foron obxecto de palestras específicas nas xornadas, analizarase que e como foron tratados no Congreso e no Senado os problemas do Foz do século XIX. A palestra correrá a cargo do focego Xosé Ramón Veiga Alonso, profesor do campus de Lugo da USC e un dos grandes estudosos e especialistas do século XIX galego , froito de cuxas investigacións teñen xurdido múltiples publicacións así como a súa tese de doutoramento titulada “O conde de Pallares e o seu tempo, 1828 – 1908. Política, ferrocarrís e agrarismo en Galiza”.

Exit mobile version