Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo pon en valor a historia e a cultura da “comarca do Eo”

present xornadas 17Ribadeo, 21 de xullo de 2017. A Agrupación Cultural Francisco Lanza, nas súas XV Xornadas de Historia Local, quere pór en valor a historia, cultura e lingua da “Comarca do Eo”, algo que une o pobo das dúas beiras do río Eo. Este río non separa, todo o contrario: a historia das dúas marxes, aínda hoxe estando administrativamente en diferentes comunidades autónomas, foi sempre unha, o que se reflicte nunha cultura e nunha lingua común. A relación entre as persoas foi sempre moi intensa, e Ribadeo, tradicionalmente, un punto de encontro.

Por esta razón, desde a A. C. Francisco Lanza consideramos que Ribadeo debe facer unha homenaxe a esta convivencia e darlle o protagonismo a aquelas persoas que neste momento están a manter e dignificar a cultura e lingua da zona oriental e os vínculos tradicionais entre as beiras do río.

Nestas XV Xornadas de Historia Local, teremos dúas charlas-coloquio. A primeira delas, o día 26, mércores, tratará sobre “A cultura como valor económico na Comarca do Eo”; será Ángel Prieto Souto, presidente da Asociación San Tirso del Eo, o que nos falará sobre este tema. O segundo día, xoves 27, a lingua será o tema de debate, baixo o título “A comarca do Eo, unha soa lingua”; Héctor Acebo, poeta e xornalista, e Enrique González, “Quique do Roxío”, poeta e activista cultural, disertarán sobre a situación do galego na marxe asturiana.

O primeiro día, despois da charla, poderemos escoitar a actuación do Grupo Toyemerendas, da Veiga.

Como vén sendo habitual, as actividades levaranse a cabo no salón de actos da Casa do Mar, ás 20:30 h.

Seguindo con esta idea, e durante a última quincena de xullo e o mes de agosto, Palabras no balcón difundirá versos de poetas orixinarios ou con vínculos coa marxe oriental do río Eo: Moisés Cima, Viqui Veiguela, Aurora García Rivas, Xavier Frias Conde, Héctor Acebo, Quique dos Roxíos, Belén Rico Prieto e Crisanto Veiguela Martíns…

A finais de agosto difundiranse estes e outros poemas nun recital público, nas escaleiras da rúa San Francisco, actividade na que poderán participar todas aquelas persoas que así o desexen.

Exit mobile version